- Tematica
O curso 2023-2024 das escolas deportivas municipais chega ao seu fin. Como cada ano, celebrarase un evento de clausura no que os rapaces e rapazas poderán amosar o aprendido ao longo destes meses nas actividades que participaron. O acto terá lugar este sábado, 1 de xuño, a partir das 16:30 horas, na área deportiva do Milladoiro. Trátase dun evento familiar e festivo, que estará aberto a todas as persoas que desexen asistir. A xornada está organizada polo departamento de Deportes de Ames, en colaboración con ServiPlus.
Este ano, a festa de clausura das escolas deportivas terá lugar na área deportiva do Milladoiro. No pavillón deportivo haberá actividades en dúas zonas diferentes: na pista e no anexo do pavillón. Por outra banda, haberá tamén unha exhibición ou ben na pista cuberta ou na pista exterior do IES do Milladoiro.
As actividades comezarán ás 16:30 horas, na pista do pavillón, coa exhibición de ballet, que rematará ás 16:40. A esa mesma hora arrincarán os rapaces e rapazas de baile moderno, e a súa mostra finalizará arredor das 16:50 horas. A mostra de judo desenvolverase entre as 16:50 e as 17:10 horas. Entre as 17:10 e as 17:30 pechará a primeira metade da tarde o alumnado de ximnasia rítmica.
Por outra banda, xa cara a segunda metade da tarde, terán lugar as clausuras de fútbol sala e baloncesto. As nenas de fútbol sala feminino mostrarán o aprendido a partir das 17:30 e a ata as 17:45 horas. Os seguintes serán a rapazada de fútbol sala do Milladoiro, ás 17:45, e a de fútbol sala de Bertamiráns, ás 18:00 horas. Polo seu lado, o alumnado de baloncesto realizará unha exhibición a partir das 18:15 e ata as 19:30 horas.
Paralelamente, no anexo do pavillón do Milladoiro estarase desenvolvendo unha partida de xadrez, que dará comezo ás 17:30 horas. Para rematar, haberá tenis a partir das 17:30 horas e ata arredor das 18:15. Será na pista cuberta ou na exterior do IES do Milladoiro, en función da meteoroloxía.
1.685 inscritos nas escolas deportivas
Neste curso 2023-2024, as escolas deportivas contan coa participación dun total de 1.685 persoas, que acoden a algunha das 21 actividades que se ofrecen dende o departamento de Deportes.
Así, nos cursos de adestramento funcional hai un total de 36 participantes, en aerozumba 134, en baile moderno 20, e en ballet 8. Por outro lado, nas clases de baloncesto inscribíronse 146 persoas, mentres que en fútbol sala feminino hai 34 inscritas, e en fútbol sala mixto 71. Na actividade de GAP-Aerocombat están a participar 40 persoas, en ioga 108, e en judo 70.
No deporte de natación anotáronse 24 persoas, en patinaxe 195 e en pilates 322. Tamén se ofrece predeporte, no que participan 41 persoas; spinning, abdominais e glúteos, con 125 inscritos; squash, con 12; tenis, con 78, e voleibol, con 41.
Na actividade de xadrez participan un total de 36 persoas, en ximnasia de mantemento 77, e en ximnasia rítmica 67.