- Tematica
O Concello de Ames e a Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) organizan para este sábado, 18 de febreiro, un desfile de Entroido, que se celebrará no Milladoiro. Dito desfile partirá ás 17:00 horas da Casa da Cultura e percorrerá diversas rúas ata finalizar na praza de Manuel Murguía. Ademais, contará con animación a cargo das Pompeiras e dos Dinos Bailongos. Poden formar parte del todas as persoas que o desexen, así como asociacións, comunidades, colexios... Os participantes entrarán nun concurso no que se repartirán 2.000 euros en premios. Os veciños/as interesados en anotarse poden facelo enviando os seus datos ao correo electrónico xuntanzaempresariosames@gmail.com ata a medianoite de mañá, 15 de febreiro. Así mesmo, todos os que desexen inscribirse o propio día do desfile poderán facelo, presencialmente, ata media hora antes de que dea comezo. Premendo nesta ligazón pódense consultar as bases do concurso.
Unha das actividades estrela do Entroido de Ames 2023, o desfile de Entroido, celebrarase este sábado, 18 de febreiro. As comparsas sairán da Casa da Cultura do Milladoiro, cara a travesía do Porto, e continuarán a súa ruta pola rúa Cereixos, a rúa Agro do Medio, a rúa Pardiñeiros, a rúa Anxeriz e a Rúa Raxoeira. O fin de festa terá lugar na praza de Manuel Murguía.
Nesta ocasión, tras dous anos sen poder celebrar esta festa por mor da pandemia, o Concello aposta por realizar un Entroido participativo, no que se impliquen diversas asociacións de veciños e culturais, as comunidades e as ANPAS. Deste xeito, no desfile poderán participar todas as persoas que o desexen, soas ou en grupo. Ademais, contarase con animación a cargo das Pompeiras, que farán pompas de xabón para que os nenos/as poidan xogar con elas e encher as rúas de ledicia multicolor; e dos Dinos Bailongos, que levarán consigo un estandarte feito de globos, co que interactuarán co público.
Todos os inscritos/as no desfile pasarán a formar parte dun concurso de disfraces, no que haberá catro categorías e tres premios en cada categoría: individual infantil, individual adulto, grupos de 2 a 10 persoas e grupos de máis de 10 persoas. En total, repartiranse 2.000 euros en premios, que se dividirán da seguinte maneira:
- Individual infantil: 1º premio de 100 euros, 2º premio de 75 euros e 3º premio de 50 euros.
- Individual adulto: 1º premio de 100 euros, 2º premio de 75 euros e 3º premio de 50 euros.
- Grupos de 2 a 10: 1º premio de 300 euros, 2º premio de 200 euros, 3º premio de 100 euros.
- Grupos de máis de 10: 1º premio de 500 euros, 2º premio de 300 euros, 3º premio de 150 euros.
Premendo nesta ligazón pódense consultar as bases do concurso de Entroido.
Os interesados en anotarse deben facelo a través do enderezo electrónico xuntanzaempresariosames@gmail.com, ata a medianoite de mañá, 15 de febreiro. No correo deben indicarse os seguintes datos: título do disfrace, nome e apelidos da/s persoa/s representante/s, DNI, teléfono de contacto e número de compoñentes. Así mesmo, tamén se aceptarán inscricións o propio día do desfile. Ditas inscricións faranse de maneira presencial ata media hora antes de que dea comezo o evento.
Poden participar no concurso persoas e grupos de todas as idades. Non obstante, os menores deberán ser representados por un adulto que actuará como representante para todos os efectos que se deriven do concurso. Así mesmo, as asociacións serán representadas polo seu presidente/a.
O desfile pecharase coa entrega de premios. Posteriormente, ás 19:00 horas, haberá unha actuación musical, de man de Brassica Rapa, unha brass band nacida a finais do ano 2017. O grupo busca darlle unha volta ao concepto de charanga, tocando instrumentos de vento metal e percusión, e creando unha atmosfera alegre co seu coñecido e fresco repertorio.
Programación de Entroido
Ademais do desfile, os departamentos de Cultura e Mocidade, con XEA, organizan numerosas actividades con motivo do Entroido. O propio sábado 18 de febreiro tamén se vai a organizar unha festa de Entroido con Djs e carpa climatizada dirixida á mocidade amesá. Comezará ás 22.00 horas e desenvolverase no aparcadoiro da rúa Alcalde Lorenzo, en Bertamiráns, que está situado detrás das oficinas da Policía Local e do servizo municipal de Urbanismo. Elaborarase un programa especifico para esta actividade. Farase venda anticipada de entradas para acceder á festa.
Por outra banda, o luns 20 de febreiro, a partir das 17.00 horas, celebrase unha gran festa de Entroido na praza de Chavián, en Bertamiráns. A festa comezará coa animación de rúa a cargo da Charanga Os Celtas. Ademais haberá unha exhibición de baile a cargo de Danzaya, representarase o espectáculo Entroido co Señor Patajullo e a Banda Barabullo e actuará a coral do programa Amessan.
As bibliotecas municipais de Ames organizan, así mesmo, un obradoiro de creación de máscaras do Entroido tradicional galego. O taller, que está dirixido á rapazada de 3º a 6º de Primaria, terá lugar o venres 10 de febreiro, ás 17.30 horas, no Milladoiro, e o sábado 18, ás 11.30 horas, en Bertamiráns. As inscricións para o Milladoiro xa están pechadas, e as de Bertamiráns pechan mañá, día 15. Para anotar aos nenos/as débese escribir ao enderezo electrónico biblioteca@concellodeames.gal ou chamar ao 981 88 48 29.
Por último, o alumnado da Escola Municipal de Música de Ames ofrecerá un concerto miúdo de Entroido mañá, 15 febreiro, ás 18:30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro, e mailo festival de Entroido da EMMA, que se celebrará este venres, 17 de febreiro, ás 19:30 horas, tamén na Casa da Cultura do Milladoiro.