Solapas principales

Este sábado, 29 de abril, celébrase en Aldea Nova un torneo de minitenis para rapazada a partir de 3 anos

Martes, 25 de abril de 2023

Este sábado, 29 de abril, celebrarase nas pistas de tenis de Aldea Nova un torneo gratuíto de minitenis, “Tenis na rúa”, dirixido a nenos e nenas a partir dos 3 anos. O torneo comezará ás 16:00 horas. A actividade é gratuíta, e para participar é necesario inscribirse previamente premendo nesta ligazón. 

O tenis é un deporte xogado con raquetas que se disputa entre dous xogadores (individuais) ou dúas parellas (dobres). O obxectivo do xogo é lanzar unha pelota golpeándoa coa raqueta de modo que bote dentro do campo do rival, e procurando que non poida devolvela.

As vantaxes da práctica do tenis son numerosas: favorece a flexibilidade e a mobilidade, fortalece a musculatura e os ósos, é beneficioso para a saúde cardiovascular e, ao tratarse dun exercicio aeróbico, mellora o entorno cardíaco e respiratorio. Ademais, en idades temperás, promove a socialización e mellora as relacións interpersoais, evitando o egoísmo e o individualismo.

O departamento de Deportes do Concello de Ames organiza un minitorneo para rapaces e rapazas a partir de tres anos, para dar a coñecer todos os seus beneficios. A actividade terá lugar nas pistas da urbanización Aldea Nova este sábado, 29 de abril, a partir das 16:00 horas.

Os interesados en inscribirse deben cubrir o formulario que se pode atopar nesta ligazón ou escaneando o código QR da imaxe anexa. Deberán facilitar o seu nome, apelidos, DNI, teléfono, correo electrónico e dirección. Ademais, deberase indicar o nivel do rapaz ou rapaza en función da súa idade: branco (4º e 5º de Infantil), morado (6º de Infantil), vermello (1º e 2º de Primaria), laranxa (3º e 4º de Primaria), verde (5º e 6º de Primaria), amarelo (ESO) e negro (bacharelato).

Cartaz do minitorneo "Tenis na rúa"

Multimedia

  • Cartaz do minitorneo "Tenis na rúa"