- Tematica
A ópera “Papagena”, da compañía ButacaZero, representarase este venres, 10 de marzo, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, ás 20:30 horas. A peza está baseada na personaxe da Frauta Máxica de Mozart, e conta cunha soprano, un barítono e un músico en escena. Este espectáculo forma parte do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames. As entradas xa se poden adquirir a través da Billeteira electrónica. Premendo nesta ligazón pódese consultar a programación cultural de Ames ao completo para o primeiro semestre de 2023.
“Papagena” é unha ópera electrónica nacida a partir da figura da personaxe co mesmo nome da Frauta máxica de Wolfgang Amadeus Mozart. Trátase dunha produción para analizar e reescribir a Papagena dende unha mirada actual, en base a un dos maiores procesos de avance político-social dos últimos tempos: a loita contra o sexismo. As pezas fundamentais do espectáculo son o compositor e director Iago Hermo, a soprano Esperanza Mara e o barítono Jacobo Rubianes.
Na ópera, Papagena chega con retraso á casa tras cruzarse cunha amiga, e Papageno, enfurecido pola tardanza, arrebátalle o teléfono tras un desmesurado ataque de celos, para logo pechala nunha habitación. Durante o espectáculo, retrátase como, o que un día foi un lugar seguro, deixa de selo para converterse nunha cárcere para Papagena. A personaxe tratará de desatarse das cadeas e volver a ser libre, literal e figuradamente.
A proposta musical de “Papagena” abarca sonoridades que afondan no espectralismo, o microtonalismo e a especialización do son. A audiencia terá a ocasión de escoitar unha música dinámica e diversa, con seccións rítmicas e minimalistas mesturadas con outras nas que se busca envolver ao público. Así, todos os sons están conectados coa acción que se desenvolve no escenario e coas voces dos dous cantantes. Así mesmo, como fondo xeral aparece un elemento simbólico que cobra gran peso: declaracións de mulleres que sufriron violencia de xénero, que están distorsionadas e agochadas coa música.
As entradas para esta ópera xa poden adquirirse, por 5 euros, a través da Billeteira electrónica do Concello, ou ben na Casa da Cultura, antes do comezo do espectáculo. Os estudantes con carné que certifique a súa condición, as persoas maiores de 60 anos, os menores de 12 anos, as familias numerosas, os mozos e mozas con carné xove e as persoas demandantes de emprego poden beneficiarse dun desconto do 50% do custo ordinario da entrada.
ButacaZero
ButacaZero é a plataforma creativa de Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, que propoñen un teatro “que dialoga directamente co mundo actual”. A compañía deuse a coñecer no ano 2016, na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, con “Voaxa e Carmín”, unha peza sobre a memoria histórica que leva a escena ás coñecidas Marías de Santiago de Compostela. Ao longo da súa traxectoria, Carrodeguas e Castiñeira adicáronse a investigar sobre novas linguaxes e apoio a creadores contemporáneos, estreando obras como “Despois das ondas” ou “32m”.
Premendo nesta ligazón podes ver o teaser de "Papagena".
Novas relacionadas:
Lindeiros: "'Papagena', unha ópera electrónica este venres en Ames"