Solapas principales

Este venres, 20 de outubro, chega a Ames a obra “Apaga o candil”

Miércoles, 18 de octubre de 2023

“Apaga o candil” é unha das novas propostas teatrais do departamento de Cultura do Concello de Ames para este mes de outubro. A obra, coproducida polo festival FIOT e por Contraproducións, chega ao auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro este venres, 20 de outubro, ás 20:30 horas. Nela, o dramaturgo Cándido Pazó achega ao público unha figura clave da tradición popular: Carlos “O Xestal”, un contador, músico e activista. A representación está financiada pola Deputación da Coruña. Os convites para o espectáculo xa se poden descargar de balde a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames.

O tempo da ficción dramática de “Apaga o candil” sitúase no intre no que “O Xestal” se atopaba entre a vida e a morte, antes de falecer aos 59 anos. A peza toma como punto de inspiración estrutural e argumental os clásicos contos da visita da morte, unha tipoloxía de historias tradicionais universais que responden a un esquema máis ou menos semellante: un personaxe topa coa morte que lle vén anunciar que o seu final é inminente; o personaxe fai todo o que pode por enganar a morte e librarse do seu lúgubre designio, afán que acaba por resultar fatidicamente inútil. Na tradición galega este tipo de contos tenden a estar revestidos por unha pátina de humor e retranca que relativizan o seu carácter.

Xa no plano persoal, o espectáculo tocara a cuestión da autoestima, da necesidade de recoñecemento e notoriedade, así como da relativización do compromiso cívico. Tamén os conflitos derivados da insatisfacción creativa e vital, ou da aceptación, por un mesmo e polos demais, da propia identidade nos seus aspectos máis íntimos.

No ámbito colectivo especularase sobre a dificultade histórica (asumida, fomentada ou herdada) das clases populares galegas para prestixiaren as súas manifestacións características e, como consecuencia, prestixiárense nelas; e sobre o perigo de se instalaren nunha ollada choqueira ou esterilmente folclorizada dos elementos que definen a tradición, entre eles as artes e, nomeadamente, a lingua.

Os convites xa se poden descargar, de xeito gratuíto, a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames.

Contraproducións
Contraproducións é unha empresa galega dedicada á creación e distribución de espectáculos escénicos, conducida por Cándido Pazó, autor e director teatral, e Belén Pichel, xefa de produción.

Cunha vocación teatral de signo aberto, intención crítica e relación fresca e directa cun público de amplo espectro, é a plataforma que acolle a maior parte das creacións escénicas de Cándido Pazó no campo do teatro e a narración oral, aínda que dando cabida tamén a outras figuras da dirección escénica ou a escritura teatral, así como a coproducións ou colaboracións con outras estruturas.

Novas relacionadas:

Ames Go: "Apaga o candil rescata a figura de Carlos ‘O Xestal’ este venres no Milladoiro"

Este venres, 20 de outubro, chega a Ames a obra “Apaga o candil”