Solapas principales

Este venres, 30 de abril, remata o prazo para solicitar o fraccionamento sen xuros dos recibos dos impostos municipais de 2021 xestionados pola Deputación

Martes, 27 de abril de 2021

O Concello de Ames lembra que está aberto ata este venres, 30 de abril, o prazo para acollerse ao Plan especial de pagamento individualizado, a través do cal se pode solicitar o fraccionamento sen xuros dos recibos dos impostos municipais de 2021 xestionados pola Deputación (IBI, vehículos, IAE, etc.) en 10 mensualidades a partir de 2022 e en 7 meses durante este ano 2021. A veciñanza amesá tamén se pode acoller ao sistema especial de pagamento voluntario dos recibos en dous prazos sen xuros. Para poder acollerse no 2021 a estes plans hai que tramitar a solicitude antes do 30 de abril de 2021. Para obter máis información pódese escribir un correo electrónico ao enderezo atencion.tributaria@dacoruna.gal ou chamar ao número de teléfono gratuíto 900 132 204.

O departamento Económico do Concello de Ames pon ao dispor da veciñanza amesá o Calendario Fiscal 2021 do Concello de Ames, onde se recollen as datas de cargo dos recibos domiciliados, as datas do período voluntario de pago dos recibos non domiciliados e as datas de cargo dos recibos domiciliados mediante o sistema especial de pagamento voluntario en dous prazos sen xuros para o Imposto de Bens Inmobles (IBI), Vehículos (IVTM) e Imposto de Actividades Económicas (IAE).

O calendario fiscal recolle as medidas tributarias que se foron tomando para dar resposta á situación excepcional provocada pola crise da Covid-19, calendarizando os pagos das taxas e impostos, polo que podería sufrir modificacións atendendo a esa excepcionalidade, coa fin de adaptarse a novas necesidades que vaian xurdindo.

Ampliando o Plan de Medidas Tributarias Covid-19 establecido no 2020, durante este ano 2021 a Deputación da Coruña, en colaboración co Concello de Ames, puxo en marcha NOVAS MEDIDAS TRIBUTARIAS para a aprobación e implantación de medidas de  FLEXIBILIZACIÓN DO PAGO DOS IMPOSTOS MUNICIPAIS xestionados pola Deputación da Coruña (IBI, VEHÍCULOS, IAE).  

ESTABLÉCENSE DÚAS NOVAS MEDIDAS TRIBUTARIAS PARA O PAGO DE IMPOSTOS MUNICIPAIS XESTIONADOS POLA DEPUTACIÓN (IBI, VEHÍCULOS, IAE):

1) Plan Especial de pagamentos individualizado (7-10 prazos):
Establécese un sistema especial de pagamento de cotas por recibo podendo realizar o pagamento de un ou varios impostos municipais de carácter periódico, IBI, VEHÍCULOS (IVTM), IAE, a elixir polo contribuínte, en 10 mensualidades, o día 5 de cada mes SEN XUROS a partir do ano 2022. Para este primeiro ano de vixencia 2021 serán 7 mensualidades.
PRAZO DE SOLICITUDE: Aberto. Para poder acollerse no 2021 haberá que solicitalo antes do 30 de abril de 2021.
MODELO: Preme nesta ligazón para descargar o modelo de solicitude.

2) Sistema especial de pagamento voluntario (2 prazos):
Tamén poderás solicitar o pagamento voluntario dos recibos en dúas datas sen xuros.
PRAZO SOLICITUDE: Aberto
MODELO: Preme nesta ligazón para descargar o modelo de solicitude.

Os contribuíntes interesados en acollerse ao pago a prazos ou en dous prazos poden solicitalo en na Oficina Virtual Tributaria (OVT) ou de forma presencial en calquera das oficinas tributarias da Deputación.

Será requisito indispensable para acollerse a estes dous sistemas de pagamento ter domiciliado os recibos. As e os contribuíntes interesados/as en acollerse a este plan individualizado deberán presentar a súa solicitude antes do día 30 de abril de 2021 para poder acollerse este ano.

Poderán solicitalo a través da web da Deputación (Servizos Tributarios/Impresos), da Oficina Virtual Tributaria (OVT) ou en persoa a través de calquera das oficinas tributarias da Deputación da Coruña.

Os modelos de solicitude poden solicitarse na Deputación da Coruña que mantén aberto o Servizo de atención ao contribuínte a través do teléfono gratuíto 900 132 204 ou do correo electrónico atencion.tributaria@dacoruna.gal, así como a través da Oficina Virtual Tributaria na que se poden realizar os trámites, consultas e xestións ás 24 horas do día, os 365 días do ano.

Aprazamentos e fraccionamentos de Impostos e Taxas
Outra das informacións que achega a Concellaría de Economía e Facenda é a relativa aos aprazamentos ou fraccionamentos das débedas, tanto en impostos e taxas delegadas na Deputación da Coruña, como as xestionadas directamente polo Concello de Ames.

En ambos casos, haberá que solicitalo antes da data de cargo, no caso dos recibos domiciliados, e antes da data da fin da voluntaria, no caso dos recibos non domiciliados. No caso dos impostos e taxas delegadas na Deputación da Coruña (IBI, IVTM, IAE, taxa de entrada de vehículos e reservas da vía pública, taxa pola ocupación de terreos de uso público para terrazas, taxa para a instalación de postos, barracas, casetas de venda ou espectáculos) as solicitudes deberán presentarse na Sede Electrónica da Deputación dirixida ao Servizo de Recadación, ou por calquera outro medio dos recollidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015. Para máis información, as interesadas/os poden chamar ao número de teléfono gratuíto 900 132 204, ou a través do enderezo electrónico atencion.tributaria@dacoruna.gal.

No caso dos impostos e taxas xestionadas directamente polo Concello de Ames (taxa do lixo, saneamento e auga; taxa do cemiterio municipal; taxa pola utilización privativa de caixeiros; taxa dos servizos complementarios educativos e de conciliación; taxa polo servizo de axuda no fogar; taxas dos servizos lúdicos; varios prezos públicos) as solicitudes deberán presentarse na Sede Electrónica do Concello de Ames dirixida ao Servizo de Recadación Municipal, ou por calquera outro medio dos recollidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015. Para máis información, as interesadas/os poden chamar ao número de teléfono 981 88 48 96, ou a través do enderezo electrónico ames@canaltributos.com.

Nos recibos delegados para a súa xestión na Deputación da Coruña poderán aprazarse e fraccionarse débedas de mínimo 100€ en distintos prazos ata un máximo de 12 mensualidades, e no caso de débedas superiores a 3.000€ ata un máximo de 24 mensualidades. A concesión será automática para débedas de contía inferior a 30.000€, tan só terán que xustificar a insuficiencia de medios para poder facer fronte ao pago cunha declaración responsable.

No caso dos recibos das taxas que xestiona directamente o Concello poderán aprazarse débedas de importe superior a 100€ e no caso de situacións de exclusión social ou risco tamén as débedas inferiores a ese importe. A concesión será automática para débedas inferiores a 6.000€ e non terán que xustificar a insuficiencia de medios. Poderán fraccionarse por tramos dependendo da cantidade e os tramos van desde un máximo de 6 meses para débedas de entre 100€ e 300€ ata un máximo de 21 meses para débedas superiores a 4.500€. Tamén se poderán ampliar estes prazos en situacións de exclusión social ou risco.

Cartaz da campaña informativa sobre a flexibilización no pago dos impostos municipais xestionados pola Deputación

Multimedia

  • Cartaz da campaña informativa sobre a flexibilización no pago dos impostos municipais xestionados pola Deputación
  • Primeira páxina do calendario fiscal de 2021
  • Segunda páxina do calendario fiscal de 2021