O espectáculo de danza “Pink Unicorns”, da compañía La Macana, representarase na Casa da Cultura do Milladoiro este venres, 30 de abril, ás 20.30 horas. O evento está programado con motivo do Día Mundial da Danza, que se conmemora o 29 de abril. Dirixido a un público adulto, mostra as marabillas da relación entre pai e fillo e da pericia de cada un. Aínda quedan entradas dispoñibles que se poden mercar as entradas na Billeteira electrónica. A entrada xeral ten un prezo de 5 euros, mentres que as entradas con prezo reducido custan 2,50 euros. Esta obra está dentro do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames.
Un home e o seu fillo adolescente comparten escenario nunha peza na que exploran as relacións e as diferentes etapas da vida baixo a premisa das grandes diferenzas interxeneracionais, determinadas principalmente pola tecnoloxía e a nova maneira que ten a mocidade de comunicarse a través das redes. A busca dos puntos en común presenta un espectáculo no que, a través do corpo, se establece o diálogo entre pai e fillo. Este novo traballo de La Macana está dirixido polos coreógrafos Caterina Varela e Alexis Fernández, en colaboración co coreógrafo francoarxelino afincado en Alemaña, Samir Akika. Premendo nesta ligazón podes ver o tráiler do espectáculo de danza.
A compañía La Macana, residente en Galicia, foi formada no ano 2009 pola bailarina, coreógrafa e produtora galega Caterina Varela e polo bailarín e coreógrafo de orixe cubano, con renome internacional, Alexis Fernández. As súas pezas contan cun potente material físico e unha poética moi coidada.
Venda de entradas
Xa se poden mercar as entradas na Billeteira electrónica. A entrada xeral ten un prezo de 5 euros, mentres que as entradas con prezo reducido custan 2,50 euros. As entradas para asistir ao espectáculo tamén se poden adquirir na Casa da Cultura do Milladoiro o mesmo día do espectáculo a partir dunha hora antes do comezo (de haber entradas dispoñibles).
Coa finalidade de facilitar a asistencia aos espectáculos e potenciar a participación establécese un prezo reducido do 50% do custo ordinario da entrada a estudantes con carné de estudante, a persoas maiores de 60 anos, a persoas menores de 12 anos, a familias numerosas, a mozos e mozas co carné xove e a persoas demandantes de emprego (no control de accesos dos auditorios poderá solicitarse a documentación acreditativa da idade). Esta obra está dentro do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e mailo Concello de Ames.