- Tematica
Este venres, 4 de agosto, darán comezo once días de celebración en Ames. Será no Milladoiro, co inicio das festas da Madalena, que se prolongarán ata o martes 8 de agosto. Seguidamente, os festexos trasladaranse a Bertamiráns, coa celebración da Peregrina ata o luns 14 de agosto. Ámbalas dúas propostas se enmarcan dentro do programa “Ames en Festas”, froito da colaboración entre o Concello de Ames, as comisións de festas do Milladoiro e da Peregrina e a Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA).
Os dous núcleos principais de Ames, O Milladoiro e Bertamiráns, celebran por segunda vez, despois de facelo xa en 2022, as súas festas da Madalena e da Peregrina de xeito conxunto, nunha programación de once días que inclúe música, concertos e actividades para todos os públicos.
Os festexos da Madalena arrincan este mesmo venres, día 4, coa semifinal do concurso Canta con Ames, que se vai realizar ás 20:00 horas na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro. Nela participarán os aspirantes escollidos na fase de preselección, e o xurado elixirá ese mesmo día aos 12 participantes (catro por categoría) que pasarán a final do 26 de agosto. O venres 4 tamén actuarán no paseo da Igualdade, ao carón da Casa da Cultura do Milladoiro, as artistas Thais Suki, Sofía Rial e Catuxa Salom, ás 12:00 horas.
O sábado 5 de agosto contarase cunha actuación enmarcada dentro programa AmesON de verán, a de Tacón Gitano. Será na praza de Manuel Murguía, ás 21:00 horas. Tacón Gitano é trío de flamenco composto por Moisés Fernández (caixón flamenco), Isaías Salazar (bailaor) e Rubén Fernández (guitarra e voz).
O domingo, día 6, haberá verbena a cargo da orquestra Venecia e do DJ Marcos Magan, que comezará a partir das 23:00 horas. Para o luns 7 de agosto está programado o concerto do grupo Pitusa Semifusa dirixido ao público infantil. Será ás 19.30 horas na paza Manuel Murguía. Ademais, ás 23:00 horas volve haber verbena da man das orquestras D´Noche e Los Coleguitas.
As festas da Madalena rematarán o martes 8 de agosto, con dúas grandes actuacións: por unha banda, a do grupo Herdeiros da Crus, que estará ás 22:00 horas no paseo da Igualdade. A banda do Barbanza formada a comezos dos anos 90 xa estivera no ano 2017 no Milladoiro, da man do festival Millarock. Por outro lado, a da orquestra Charleston Big Band na explanada que se atopa a carón da travesía do Porto, onde está situada a área de autocaravanas. Será ás 23:00 horas.
Outros sete días de festas pola Peregrina, en Bertamiráns
Ese mesmo martes, 8 de agosto, darán comezo as actividades e propostas en Bertamiráns, con motivo das Festas da Peregrina. Ás 19:30 horas, na praza de Chavián, desenvolverase a actuación para o público infantil e familiar de Paco Nogueiras, dentro do marco do programa AmesON de verán. O mércores 9 comezará a música e a verbena co concerto de Sabela no parque do Ameneiral ás 21:00 horas, e coa actuación da orquestra Panorama e Disco Móbil Fabrik no campo da festa da Peregrina, ás 23:00 horas.
Na mesma liña continuarán as festas o xoves 10, un día que arrincará coa actuación dos Festicultores na praza da Maía ás 21:00 horas, e continuará ás 23.00 horas coa actuación da Orquestra Kubo no campo da festa da Peregrina. O venres 11 a noite arrincará cun concerto a cargo do grupo amesán As Maianas e do dúo Caamaño & Ameixeiras, ás 21:00 horas. De seguido, ás 23:00 horas no campo da festa da Peregrina haberá verbena a cargo da orquestra Finisterre e Disco móbil Chocolate.
Como novidade, a comisión de Festas da Peregrina organizou este ano unha nova iniciativa: unha romaría urbana no parque do Ameneiral, que dará comezo ás 13:30 horas do sábado 12 de agosto. Ao longo de toda a tarde haberá diversas actuacións musicais a cargo de Mad Martín, La Reunión, Michu da Rocha e Doctor Snob, que enlazarán co concerto de Los Mecánicos previsto para ás 21:00 horas dentro do AmesON de verán.
O domingo 13 de agosto, ás 23:00 horas, haberá verbena a cargo da orquestra Compostela e Disco móbil CDC. As festas rematarán o luns 14 de agosto, ás 23:00 horas, coa actuación da orquestra Nueva Fuerza.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Ames comienza mañana once días de fiesta"
El Correo Gallego: "Fiestas gastronómicas y musicales llenan el primer fin de semana de agosto en el área de Santiago"