Solapas principales

Este venres, 4 de setembro, remata o ciclo de cine xuvenil ao aire libre coa proxección do filme “O que arde” de Oliver Laxe

Jueves, 03 de septiembre de 2020

O anfiteatro do Milladoiro acolle este venres, 4 de setembro, ás 22.00 horas, a proxección do filme “O que arde”, do director galego, Oliver Laxe. Con esta proxección remata o ciclo de cine xuvenil ao aire libre que organiza a Concellaría de Mocidade a través da OMIX. Durante o mes de agosto proxectáronse outras tres películas de factoría galega: “Quen a ferro mata”, “A praia dos afogados”, e maila “Esmorga”. A entrada para desfrutar da proxección é de balde e o aforo limitado para cumprir todas as medidas hixiénico-sanitarias que marcan as autoridades debido á pandemia da Covid-19. A actividade forma parte do programa “Visións”, pertencente á Rede cultural da Deputación, e está incluída no programa AmesON para o fomento da economía e a cultura en Ames.

A actividade de cine ao aire libre que organiza a Concellaría de Mocidade, a través do programa AmesÓN para a dinamización da economía e a cultura en Ames, trae ao Milladoiro a premiada película do galego Oliver Laxe: “O que arde”. A proxección forma parte da Rede cultural da Deputación da Coruña a través do programa “Visións”. A proxección é de balde ata completar aforo.

Para manter a esencia do ciclo de cine ao aire libre a proxección desta película vaise facer nun espazo exterior como é o anfiteatro do Milladoiro. Debido a iso, recoméndase levar roupa de abrigo xa que estamos no final do verán e de noite xa comeza a facer algo de frío.

A historia de “O que arde” arranca cando Amador sae da cadea tras cumprir condena por ter provocado un incendio. Amador volve á súa aldea na montaña lucense onde convivirá, en medio da natureza, coa súa nai Benedicta, coa súa cadela Lúa e coas súas tres vacas.

“O que arde” acadou, entre outros premios, o premio do Xurado na sección “Un Certain Regard” no Festival de Cannes, o premio á mellor fotografía e á actriz revelación nos Goya, o premio á mellor película e ao mellor guión no Festival de Mar de Plata, 5 premios Feroz, incluído mellor guión e mellor dirección, e o premio Gaudí ao mellor filme europeo de 2019.

A concelleira de Mocidade, Escarlata Pampín, destaca “a boa acollida que tivo esta iniciativa a través da cal a mocidade amesá puido ver catro películas que non deixan indiferente a ninguén. Ademais gabamos o feito de contribuír a espallar a cultura cinematográfica galega e de proxectar películas que, ás veces, desgraciadamente, é difícil atopar nas salas comerciais de cine”.

Cartel do ciclo de cine xuvenil ao aire libre

Multimedia

  • Cartel do ciclo de cine xuvenil ao aire libre
  • Cartel do filme “O que arde” de Oliver Laxe