- Tematica
Youtubeir@s organiza este venres, 28 de xuño, o segundo encontro centrado no intercambio entre persoas xeradoras de contidos dixitais no Youtube programado para este mes de xuño. O evento, baixo o título ‘Lista de reprodución ao vivo’, desenvolvese no edificio CEA da USC, en Santiago de Compostela, entre as 18.00 e as 20.00 horas, e xira en torno ao intercambio de experiencias entre youtubeir@s e público. Poden asistir ao encontro todas aquelas persoas inscritas no mesmo antes do 26 de xuño. Youtubeir@s está organizado polos servizos de normalización lingüística de trece concellos galegos, as universidades de Santiago, A Coruña e Vigo, e a Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación de contidos na Rede na nosa lingua.
Youtubeir@s chega este ano á súa terceira edición baixo o lema Conéctate á comunidade e multiplícate, co que busca non só aumentar o número e a calidade de vídeos e persoas creadoras en galego, senón tamén fortalecer as conexións e as interrelacións da comunidade youtubeira. Con este obxectivo, nos últimos meses desenvolvéronse varios obradoiros e charlas en diversos centros de secundaria, e programáronse dous encontros youtubeiros durante este mes de xuño.
O segundo destes obradoiros ten lugar este venres, 28 de xuño, entre ás 18.00 e ás 20.00 horas no Centro de Estudos Avanzados da USC, situado na Finca de Vista Alegre de Santiago de Compostela. Esta Lista de reprodución ao vivo consiste nun encontro directo entre youtubeir@s e público, que emula as bibliotecas viventes ou mesmo as partidas de xadrez simultáneas, de xeito que as persoas creadoras agarden no seu posto as visitas dos/as “espectadores/as”.
Así, cada youtubeir@ leva un abano de temas preparados para analizar e o público, que vai rotando entre os diferentes postos, pode realizar preguntas e interactuar cos "vídeos vivos". Cada un destes encontros dura un máximo de 20 minutos. Ao final desta rolda individual, abrese a todo o público para poñer en común e compartir experiencias. Nesta ocasión, o acto esta dinamizado por Xandobela, un grupo de profesionais da educación e da dinamización sociocultural.
Premios Youtubeir@s
Os Premios Youtubeir@s, outra das grandes liñas de acción do proxecto Youtubeir@s, mantén até o vindeiro 27 de setembro o prazo de inscrición para todas as persoas creadoras de contidos en Youtube en lingua galega. Os vídeos presentados deberán estar publicados con data posterior ao 15 de marzo de 2019, sen restricións de privacidade e cos cancelos #youtubeiras #youtubeiros na descrición. Establécense un total de catro categorías: vídeo-facermos, á que optarán os vídeos que mostren saberes e procesos de elaboración a través de titoriais; vídeo-opinarmos, baseados na exposición de opinións e valoracións sobre un tema de interese; vídeo-cantarmos, vídeos musicais con versións, composicións orixinais, adaptacións ou coreografías; e canles.
Ademais destas catro categorías, haberá premios á creatividade, á eficiencia comunicativa, á calidade técnica e á calidade lingüística. Por último, o certame contará cun premio do público que se entregará baixo o nome de #propostayoutubeira. En conxunto, Youtubeir@s repartirá un total de 6500 euros en galardóns. Os vídeos premiados coñeceranse no mes de novembro, na gala dos Premios Youtubeir@s. En conxunto, Youtubeir@s repartirá un total de 6500 euros en galardóns.
Os e as interesadas en coñecer máis sobre o proxecto Youtubeir@s , sobre os recursos que ofrece ou sobre como participar no certame poden acceder á páxina oficial www.youtubeiras.gal/, na que atoparán o vídeo promocional, información sobre os premios e actividades, ferramentas, recursos, vídeos explicartivos e a ligazón na que poderán formalizar a inscrición.
Esta iniciativa está organizada polos concellos de A Baña, Ames, Carballo, Cedeira, A Coruña, O Grove, Moaña, Ourense, Ribadeo, Pontevedra, Rianxo, Santiago e Teo, e polas universidades da Coruña, Santiago e Vigo e a Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación de contidos na Rede na nosa lingua. Asemade, esta terceira edición de Youtubeir@s pretende fortalecer as conexións e as interrelacións da comunidade que produce contido en Youtube.