Solapas principales

Este xoves, 2 de marzo, preséntase na Casa da Cultura do Milladoiro o libro “Mordouelias, Rosalía e As Terras da Maía”

Martes, 28 de febrero de 2023

Dentro da programación de actividades organizadas en Ames con motivo do Día de Rosalía, que se conmemorou o pasado 23 de febreiro, o departamento de Turismo organiza a presentación do libro “Mordouelias. Rosalía e As Terras da Maía”, editado polo Concello de Ames e a Fundación Rosalía. O evento terá lugar este xoves, día 2, na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 19:00 horas. Nel participarán a filóloga María López Sández, experta rosaliana e escritora da obra, e Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro. Antes do acto, ás 18:30 horas, plantarase unha filla da figueira da Casa – Museo Rosalía de Castro, doada por esta institución ao Concello de Ames.

Este xoves, 2 de marzo, terá lugar a presentación de “Mordouelias. Rosalía e As Terras da Maía”, que fai un repaso pola relación entre o val da Maía e a propia vida e obra de Rosalía. Así, no libro recórrense os distintos escenarios do concello e da súa contorna vinculados á vida familiar e á obra da insigne escritora. Deste xeito, realízase un percorrido literario polo Pazo da Peregrina, polos Muíños de Lapido, pola súa casa paterna e lugar de nacemento do Seminario de Estudos Galegos, situada en Ortoño; e pola costa de Mar de Ovellas, mencionada no poema “A probiña, que está xorda!”.

Mordouelias, o título da obra, é un dos topónimos que se empregan para nomear ao Alto do Mar de Ovellas, e rexistrouse xa no século XII, xunto a outras variantes, como Mor do Obellias. Por esta zona, antano lugar afastado e asociado a narracións de salteadores de camiños, transcorren as aventuras e desventuras da velliña protagonista do poema xa mencionado, e reproducido nesta publicación que Rosalía incluíu nunha das súas obras máis célebres, Follas Novas

O acto de presentación, que será ás 19:00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro, contará co acompañamento musical da zanfona de Oli Xiráldez. Nel estarán presentes a filóloga e experta rosaliana María López Sandez, autora da obra, e Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro. Todas as persoas asistentes ao evento serán agasallados cun exemplar do libro. 

Con esta actividade, o Concello de Ames súmase á programación e aos actos de conmemoración do Centenario do Seminario de Estudos Galegos. Na creación desta institución, que desempeñou un importante papel na investigación e dignificación da cultura galega, xogou un relevante papel a casa paterna de Rosalía, tal e como describe a placa situada no muro da vivenda, que reza “Aquí naceu o Seminario de Estudos Galegos. XII-X-MCMXXIII”. Premendo nesta ligazón pódese obter máis información sobre o seminario e o Centenario.

Plantación dunha figueira doada pola Casa – Museo de Rosalía

Media hora antes da presentación, ás 18:30 horas, plantarase unha filla da figueira que medra na Casa de Rosalía, a modo de homenaxe á escritora. Será na zona do anfiteatro ao aire libre (detrás do IES do Milladoiro).

A figueira é unha árbore monumental, e tamén unha senlleira dos tempos da escritora, así como un dos rexistros florais máis prezados de Galicia. En concreto, a que se localiza na Casa - Museo de Rosalía leva resistindo heroicamente ás inclemencias do tempo e á escasa lonxevidade da súa especie, sendo a principal referencia do Xardín da Casa de Rosalía. A filla da figueira foi doada ao Concello de Ames para lembrar o vencelladas que están as terras da Maía e a obra e figura da autora.

 

Cartaz da presentación do libro Mordouelias

Multimedia

  • Este xoves, 2 de marzo, preséntase na Casa da Cultura do Milladoiro o libro “Mordouelias, Rosalía e As Terras da Maía”
  • Este xoves, 2 de marzo, preséntase na Casa da Cultura do Milladoiro o libro “Mordouelias, Rosalía e As Terras da Maía”