- Tematica
Durante varias semanas o local de ensaio A Factoría estivo pechado ao público para executar varias melloras no local. O obxectivo foi dotalo de mellor equipamento e que sexa máis acolledor para os usuarios/as que o empregan. Realizáronse melloras en canto ao illamento exterior e equipamento interior. Despois de executar ditas melloras o local volveu abrir as súas portas para que os grupos de música poidan ensaiar. Deste xeito, A Factoría arrinca este 2023 con importantes melloras. O horario de ensaio é de luns a domingo, en horario de 10.00 a 22.00 horas. A concelleira de Xuventude e maila técnica de dito departamento visitaron o local par ver como quedou tralas melloras feitas.
O departamento de Xuventude pon de novo a disposición dos grupos musicais do concello un equipamento municipal co obxectivo de facilitar un espazo para o ensaio musical da cidadanía do concello, fomentar a práctica musical da mocidade de Ames e contribuír a unha maior formación musical e técnica dos grupos que fan uso deste equipamento. Tralos traballos de mellora executados no local durante as últimas semanas e a renovación do equipamento, retómase a actividade da Factoría.
Durante as últimas semanas estivéronse realizando varias melloras en dito local co obxectivo de que sexa máis acolledor para os seus usuarios/as. Deste xeito, executáronse melloras en equipamento e tamén en canto ao illamento do local. A concelleira de Xuventude, Escarlata Pampín, maila técnica de dito departamento, Pili Villaverde, visitaron o local par ver como quedou tralas melloras feitas.
No exterior do edificio, a obra consistiu no revestimento das fachadas este e norte, xa que as paredes do edificio estaban en mal estado de conservación o que provocaba problemas de filtración de auga cara ao interior. Procedeuse a retirar o revoco actual, realizouse a preparación e limpeza do paramento para revestir con cemento e posterior pintado. Tamén se substituíran dúas portas de acceso e unha ventá da fachada oeste, co obxectivo de mellorar a estanquidade e illamento dos locais interiores.
En canto ás melloras de acondicionamento do interior do edificio, rotulouse o local de ensaio, renovouse o mobiliario con mesa e cadeiras novas, encerado, papeleiras, etc. No referente ao equipamento musical, adquiriuse novo material musical como un piano, novos atrís, amplificador de baixo e de guitarra, e renovouse outro que se atopaba en mal estado polo uso deste ano, como a batería, a microfonía, etc.
A concelleira de Xuventude, Escarlata Pampín, explica que “foron varias as actuacións que se levaron a cabo ao longo destes anos para mellorar A Factoría. Os investimentos realízanse sempre tendo en conta a opinión e as suxestións das persoas usuarias. É o seu local de ensaio e, polo tanto, son elas e eles os que mellor nos poden transmitir as necesidades que detectan”.
Procedemento para reservar o local
Para poder reservar o local, polo menos, un dos/as seus/súas integrantes debe estar empadroado no concello de Ames e o grupo debe estar dado de alta no censo municipal de artistas do concello. O horario do local de ensaio será o solicitado polos grupos musicais entre as 10.00 e as 22.00 horas, sempre e cando non estean organizadas outras actividades, polo propio Concello. Os grupos dispoñen de ata 3 horas diarias para ensaiar.
Unha vez enviada a solicitude, a Concellería de Xuventude entregará á persoa solicitante unha autorización do uso das instalacións indicadas. Os grupos interesados en seguir ensaiando na Factoría deberán renovar a solicitude anualmente (mes de xullo). Calquera dúbida ou consulta poden contactar con Xuventude Ames no correo electrónico xuventude@concellodeames.gal.
XA! Xuventude Ames
En novembro do pasado ano o departamento de Xuventude, que non contaba cunha imaxe propia, presentou a marca XA! Xuventude Ames. Trátase dunha nova imaxe corporativa que conecta coa xuventude de Ames. A creación da nova imaxe implica outros cambios como é a modificación do enderezo de correo de contacto que pasa a ser xuventude@concellodeames.gal.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Música por un tubo: local de ensaio e reservas de grupos para os amesáns"