- Tematica
O Concello de Ames, a través das Concellarías de Obras e Servizos Básicos e de Deportes, está executando novos equipamento no núcleo do Milladoiro. Deste xeito, na zona norte desta localidade, na parcela que se atopa entre as rúas do Muíño Vello e do Buxo, estase construíndo unha pista de skate e realizouse unha pista de pádel. Estes investimentos están incluídos no Plan Ames Progresa. Ademais, habilitarase un camiño accesible dende avenida do Muíño Vello para acceder a ditas instalacións. Estes novos equipamentos estarán ao carón do novo centro multifuncional do Milladoiro, incluído na EDUSI Impulsa Ames. Ademais, habilitouse unha nova área con xogos de aventuras, creada recentemente na zona verde anexa á Casa da Cultura e ao IES do Milladoiro.
Este venres pola mañá o alcalde e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, e maila concelleira de Deportes, Susana Señorís, visitaron as obras que se están executando no Milladoiro para construír unha nova pista de skate. Na zona norte desta localidade, na parcela que se atopa entre as rúas do Muíño Vello e do Buxo, vaise executar unha pista de skate e habilitouse unha pista de pádel. Ademais, construirase un camiño accesible dende avenida do Muíño Vello para acceder a ditas instalacións.
A pista de skate disporá dunha superficie de 320 metros cadrados e contará con diferentes módulos executados sobre unha superficie de formigón. Dita pista contará con seis módulos diferente: módulo de quarter skate; módulo de quarter skate lardo con final curvo; módulo planter box rail; módulo fan box con varanda de dúas alturas e dobre box; módulo de rampla, escaleira lateral e hubba simple; e un modulo de rail. Para a realización dos distintos elementos empregaranse muros de bloques de formigón que irán revestidos con morteiro de cemento. Para os elementos de maior altura (quarter e rampla de máis de 1,50 metros) colocaranse unhas varandas de seguridade na plataforma superior.
Ademais, habilitouse unha pista de pádel nesta mesma zona que se suma ás pistas de pádel existentes na localidade de Bertamiráns e na urbanización de Aldea Nova. Para executar dita pista realizouse unha estrutura formada por catro piares de esquina de 4 metros de altura; 10 piares de tres metros de suxeición de mallas e vidros; 12 piares de 4 metros para a suxeición de mallas e vidros; 4 piares de 6 metros que serven de ancoraxes de mallas e onde se colocaron os focos. Ademais, realizouse un peche metálico e mailo peche de vidro; así como se colocou o correspondente céspede artificial e 4 focos LED de 150 vatios para uha correcta iluminación.
Ao carón do centro multifuncional
Estes novos equipamentos estarán ao carón do novo centro multifuncional de lecer, cultura e promoción económica do Milladoiro, que estará dirixido á mocidade e a persoas en risco de exclusión social do concello de Ames. Dito proxecto foi adxudicado á empresa Citanias Obras y Servicios SL por un importe de 1.305.453,52 euros. O novo centro multifuncional do Milladoiro, que está incluído na EDUSI Impulsa Ames, será un espazo público de calidade por dentro e por fóra. Construído baixo parámetros de eficiencia enerxética, funcionará como dinamizador cultural, económico e social, e albergará actividades útiles para a cidadanía, xerando o encontro e a interacción entre a veciñanza.
O alcalde de Ames, Blas Garcia, destaca que “a zona onde se vai construír o novo centro multifuncional do Milladoiro vai cambiar completamente. Xunto ao centro multifuncional tamén se vai a instalar unha pista de skate e outra de pádel. Ademais, o edificio estará rodeado de zonas verdes, que tanta falta fan no Milladoiro, con espazos diversos para reunións e encontros, ou simplemente gozar do aire libre. Tamén se habilitará unha zona de aparcamento”.
Por outra banda, a concelleira de Deportes, Susana Señorís, sinala que “se amplían as instalacións deportivas do Milladoiro cunha nova pista d skate, moi demanda pola mocidade de Ames, e que é a primeira que se vai a construír no concello. Ademais, habilitase unha pista de pádel nesta mesma zona que se suma ás pistas de pádel existentes na localidade de Bertamiráns e na urbanización de Aldea Nova”.
Área con xogos de aventuras
Por último, cómpre destacar que recentemente habilitouse un novo parque infantil rústico de aventura na zona verde anexa á Casa da Cultura, ao pavillón e ao IES do Milladoiro. O novo parque está dotado con diferentes xogos rústicos de madeira natural: tirolina; zancos ou pasos; vigas de equilibrio; tobogán, etc. Esta área de xogos de aventura súmase á que existe no lugar da Condomiña, que está próximo ao núcleo de Bertamiráns.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Avanzan os equipamentos para practicar pádel e skate"
La Voz de Galicia: "Ejecutan una pista de pádel en O Milladoiro y construyen la primera de skate en la localidad"