Solapas principales

Execútanse as obras de pavimentación de viarios dos núcleos de Eirapedriña e Mourigade por valor de 325.000 euros

Martes, 04 de junio de 2024

Onte comezaron as obras de pavimentación da estrada do núcleo de Eirapedriña, pertencente á parroquia de Bugallido. Estas obras foron adxudicadas á empresa Excavaciones Pose SL por un importe total de 157.300 euros (IVE incluído). O proxecto, incluído dentro do programa POS+ 2021 da Deputación da Coruña, engloba melloras en ata 1,7 quilómetros de capa de rodaxe, a ampliación da anchura do firme e a construción dunha senda peonil de 280 metros nun dos tramos. Ademais, proximamente vaise executar o proxecto de pavimentación de viarios no núcleo de Mourigade, tamén pertencente á parroquia de Bugallido, por un importe de 167.635,28 euros. Dito proxecto, que está incluído no POS+ 2023, foi adxudicado á empresa Excavaciones y Obras Marcos SL.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Obras e Servizos Básicos, continúa o seu investimento nas infraestruturas das parroquias e dos núcleos do rural. Deste xeito, este luns 3 de xuño comezaron a executarse as obras de pavimentación da estrada do núcleo de Eirapedriña, pertencente á parroquia de Bugallido. As obras foron adxudicadas á empresa Excavaciones Pose SL por un importe total de 157.300 euros (IVE incluído).

Cómpre lembrar que houbo que tramitar dous expedientes de licitación de dito proxecto, debido ao incumprimento da primeira empresa adxudicataria. Unha vez adxudicado o contrato a empresa non executou as obras. Debido a dito incumprimento da empresa contratista, a Xunta de Goberno, o pasado 26 de outubro, aprobou resolver dito contrato asinado o 20 de decembro de 2022, por causa imputable á empresa Vías e Servicios Compostela SL. Ademais, debido a dita resolución de contrato, a Xunta de Goberno Local aprobou iniciar un expediente para a declaración de prohibición a dita empresa, pola resolución culpable do contrato.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, achegouse esta mañá ata Eirapedriña para ver o inicio de ditas obras. Nieto explica que ““fai un ano reunímonos cos veciños e veciñas de Eirapedriña e prometemos que esta obra se iniciaría no prazo dun ano. Neste prazo vímonos obrigados a rescindir o contrato a anterior adxudicataria, enviar o expediente ao Consello Consultivo e afrontar un segundo proceso de licitación e adxudicación”. Esta obra súmase á de pavimentación de viarios no núcleo de Mourigade, que tamén vai comezar a executarse proximamente. As dúas obras realízanse en dous núcleos da parroquia de Bugallido. O concelleiro sinala tamén que “deste xeito, aseguramos que as vías e os interiores dos núcleos estean correctamente acondicionados e que se mellore a súa funcionalidade e seguridade, tanto nas zonas urbanas como no rural”.

Características do proxecto de Eirapedriña
A actuación inclúe reformas en 1.700 metros de estrada, dende o acceso a Framán ata o límite co concello de Brión. Na estrada principal, e ao longo dun treito de 950 metros ata o linde con Brión, procederase á mellora da pavimentación, cunha nova capa de asfalto e coa reparación de fochancas con grava e tratamento asfáltico. Nun tramo de 125 metros tamén se ampliará a estrada cun ancho medio de un metro.

Ademais, no extremo norte deste viario executarase unha senda peonil de 280 metros de lonxitude e 2,3 metros de anchura, construída con saburra e pavimento de formigón. Para a contención da senda será preciso construír un muro de pedra granítica nun treito de 90 metros, que disporá dunha varanda metálica para a seguridade peonil. A drenaxe da plataforma de formigón levarase a cabo coa canalización e instalación de arquetas con sumidoiros e colectores con reixa.

Pola súa banda, na zona sur da actuación, na maior parte dun treito de 750 metros no ramal de acceso ao lugar de Framán, realizarase unha nova mellora de capa de rodaxe, desta vez estendendo o selado e o tratamento asfáltico superficial a toda a plataforma, previa reparación de fochancas. Nesta mesma zona, nos primeiros 80 metros dende o cruce coa estrada de Eirapedriña, ademais destas actuacións ampliarase o ancho da plataforma en 50 centímetros a cada marxe, cun paquete de firme composto por capas de saburra, grava, e tratamento asfáltico semiprofundo, superficial e de selado. Esta mesma combinación empregarase para acondicionar a parte final do acceso a Framán, que na actualidade conta cun pavimento granular.

Pavimentación do viario do núcleo de Mourigade
Por outra banda, dende a Concellaría de Obras e Servizos Básicos informan de que proximamente van a executarse as obras de pavimentación de viarios no núcleo de Mourigade, pertencente á parroquia de Bugallido, por un importe de 167.635,28 euros. Dito proxecto, que está incluído no POS+ 2023, foi adxudicado á empresa Excavaciones y Obras Marcos SL. As actuacións que se van executar están encamiñadas á mellora da pavimentación do viario do núcleo de Mourigade, así como ao acondicionamento do seu acceso polo norte, que na actualidade conta cun firme de material granular.

Para o viario do núcleo proxéctase un novo pavimento composto por 15 centímetros de formigón HM – 20 con mallazo sobre 10 centímetros de zahorra, previa demolición do firme existente. En ámbalas marxes disporase unha franxa de lastra de granito de 35 centímetros de ancho e cortes transversais, de 35 centímetros de ancho. O acceso principal ao núcleo realízase polo vento sur e atópase en dous niveis, o que orixina un espazo perigoso e pouco funcional. A solución que se proxecta pretende arranxar este problema e dotar ao núcleo dunha zona de convivencia do tráfico peonil e rodado, creando un espazo aberto e accesible para tódolos veciños.

Para acondicionar o novo acceso pavimentarase, previa apertura de caixa, un ancho de 4,50 metros da plataforma actual mediante 20 centímetros de con zahorra, 15 centímetros de grava, tratamento asfáltico semiprofundo, tratamento asfáltico superficial e rega de selado. A diferenza de cotas entre a rasante e os terreos lindeiros fai necesaria a execución dun muro de sostemento de pedras de granito de 70 metros de lonxitude e 1.00 metro de altura. Neste viario tamén se repoñerán as taxeas para o acceso ós predios lindeiros.

Mellora dos interiores das Buceleiras
Por último, as obras de mellora dos interiores das Buceleiras, tamén pertence á parroquia de Bugallido, houbo que paralizalas debido á cesión de espazos adxacentes aos camiños interiores onde se estaban executando as obras. Na actualidade, dende o Concello estase tramitando un proxecto de expropiación para poder continuar coas obras. Estas obras foron adxudicadas á empresa Eulogio Viñal Obras y Construcciones SA por un importe de 242.500 euros. O proxecto, que está incluído no Plan Ames Progresa 2021-2023, inclúe actuacións en arredor de dous quilómetros de treitos, con reformas no asfalto e no pavimento, reparación de fochancas e sendas peonís.

Novas relacionadas:

Ames Go: "Comezaron as obras de pavimentación de viarios dos núcleos de Eirapedriña e Mourigade por valor de 325.000 euros"

Execútanse as obras de pavimentación de viarios dos núcleos de Eirapedriña e Mourigade por valor de 325.000 euros

Multimedia

  • Execútanse as obras de pavimentación de viarios dos núcleos de Eirapedriña e Mourigade por valor de 325.000 euros
  • Execútanse as obras de pavimentación de viarios dos núcleos de Eirapedriña e Mourigade por valor de 325.000 euros
  • Execútanse as obras de pavimentación de viarios dos núcleos de Eirapedriña e Mourigade por valor de 325.000 euros
  • Execútanse as obras de pavimentación de viarios dos núcleos de Eirapedriña e Mourigade por valor de 325.000 euros
  • Execútanse as obras de pavimentación de viarios dos núcleos de Eirapedriña e Mourigade por valor de 325.000 euros