- Tematica
O alcalde de Ames, Blas García, e o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, visitaron o lugar de Suevos, na parroquia de Trasmonte, para comprobar algunha das actuacións que se realizaron para a mellora da seguridade viaria, incluídas nos Orzamentos Participativos e no Plan Ames Progresa 2021-2023. O proxecto foi adxudicado á empresa SYR-AMG SL por un importe de 118.222,52 euros, que se empregaron para a instalación de elementos de seguridade, como bandas sonoras ou espellos, a colocación de novos sinais verticais, o pintado de estradas e de pasos de peóns, ou a mellora de firmes e a limpeza de gabias.
O Concello, a través da Concellaría de Obras e Servizos Básicos, está executado diversas actuacións que mellorarán a seguridade viaria nas once parroquias de Ames. Dito proxecto inclúe 40 actuacións en materia de sinalización, instalación de elementos de seguridade, pintado de estradas, mellora da capa de rodaxe e limpeza de gabias. Estas actuacións foron adxudicadas á empresa SYR-AMG SL, por un importe total de 118.222,52 euros, incluídos no Plan Ames Progresa 2021-2023.
A proposta para un proxecto de mellora da seguridade viaria para as parroquias de Ames foi a opción máis votada pola veciñanza nos Orzamentos Participativos de 2020, na que o rural contaba cunha partida duns 120.000 euros. Estes resultados amosaron a necesidade de traballar para reducir e minimizar os riscos e mellorar a seguridade viaria nas parroquias e lugares amesáns.
40 actuacións nas once parroquias de Ames
O alcalde de Ames, Blas García, e o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, visitaron o lugar de Suevos, na parroquia de Trasmonte, onde se incrementou o ancho da vía e se procedeu a facer unha canalización de pluviais.
A parroquia de Agrón conta con sete melloras, como a colocación de dous espellos convexos, na Garea e na estrada Garea – Calo; a instalación de dous lombos de asno, en Arufe; unha sinal de estrada sen saída, no Galiñeiro; dous treitos de barreiras de seguridade, en Sandar e na Garea, e a reparación de fochancas ao longo da parroquia.
Ademais, o alcalde e mailo concelleiros de Obras e Servizos Básicos estiveron en Agrón para comprobar a obra de asfaltado que se acaba de realizar na estrada que discorre de Novais cara Ínsua.
No caso da Ameixenda, hai catro actuacións contempladas, que inclúen o pintado de catro pasos de peóns en Cortegada e Quintáns e a colocación dunha sinal de stop nesa mesma zona, ademais da execución de dous lombos de asno e de dúas sinais de dirección na estrada que conecta a parroquia con Tapia.
Pola súa banda, a parroquia de Ames conta con tres melloras, como un novo stop, no viario de Barouta a Pedrouzos; a colocación de 16 paneis en curva no viario do Lombao á Ameixenda, e dun espello convexo en Pousada.
Na parroquia de Biduído actúase en sete puntos, con seis novos pasos de peóns elevados en Raíces e nas estradas Casanova – Biduído de Abaixo e Biduído de Arriba – Ventín; un novo sinal de stop, na Agriña; a execución de dous lombos de asno, na estrada Fraíz – Costoia; e a colocación de catro sinais de limite de velocidade, nas estradas Casanova – Biduído de Abaixo e Casanova – A Igrexa.
Por outra parte, en Bugallido executáronse cinco obras, que inclúen o pintado de nove pasos de peóns; a colocación de seis lombos de asno en Quistiláns, Guimaráns e na estrada Guimaráns – Biduído, e a instalación dun sinal de paso prioritario.
En Covas realízanse tres proxectos. Píntase a estrada Bertamiráns – O Lombao, e sinalizaranse os pasos de peóns da vía, ademais do pintado dun novo paso para peóns no propio lugar do Lombao.
Ademais, a parroquia de Lens dispón dunha mellora no lugar de Lens, no que se colocarán tres espellos convexos para o tráfico.
A parroquia de Ortoño conta con tres novas actuacións, como a execución de dous lombos de asno, en Lapido; a colocación dunha barreira de seguridade, no Instrumento, ou o pintado dun paso de peóns, en Ortoño.
Por outra parte, a estrada A Igrexa – Vilaverde, na parroquia de Piñeiro, vai gozar de dúas actuacións, coa mellora do seu firme e a limpeza das súas gabias, ademais da instalación de dous sinais de stop.
No caso da parroquia de Tapia, hai catro melloras. Colocaranse dúas sinais de dirección na estrada a Tapia; instalaranse dúas bandas sonoras no Galiñeiro; mellorarase a capa de rodaxe e limparanse as gabias da estrada á Ameixenda, e colocaranse alí dous sinais de curva perigosa e dous paneis direccionais en curva.
Investimento para mellorar a seguridade viaria
O alcalde de Ames, Blas García, explica que “este investimento de preto de 120.000 euros, que permite mellorar a seguridade viaria nas once parroquias de Ames, é un compromiso que tiñamos adquirido coas asociacións veciñais do rural, a través dos Orzamentos Participativos”.
O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, destaca que “a execución destas 40 actuacións nas once parroquias de Ames van a contribuír a mellorar a seguridade viaria coa colocación de nova sinalización, pintado de pasos de peóns, colocación de espellos, barreiras de seguridade, etc. A través destas actuacións trátase de dotar as vías municipais de maior seguridade viaria, tanto para os peóns coma para aos condutores dos vehículos que transitan por elas”.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Ames debaterá o regulamento do Ciclo Integral da Auga este xoves"