Solapas principales

Execútase unha nova senda peonil en Biduído por valor de preto de 130.000 euros

Martes, 30 de julio de 2024

Este luns, 29 de xullo, comezaron as obras para dotar á parroquia de Biduído dunha nova senda peonil. Trátase dunha actuación moi demandada pola veciñanza de dita parroquia. Esta obra, que está sufragada pola Deputación da Coruña, foi adxudicada por 128.420 euros. A través desta actuación vaise mellorar a seguridade peonil na estrada DP 0206 á altura do PQ 2+000. Construirase un itinerario peonil seguro cunha lonxitude de 328 metros e 2 metros de ancho.

Dende este luns, 29 de xullo, estanse executando as obras de construción dunha nova senda peonil na parroquia de Biduído. A actuación proxectada está encamiñada á creación dun itinerario peonil continuo e segregado cunha lonxitude de 328 metros e 2 metros de ancho.

O pavimento estará composto de 20 centímetros de xabre e 15 centímetros de formigón desactivado para deixar o árido descuberto. Tamén se creará unha pequena superficie para facilitar o estacionamento de vehículos entre a senda e a estrada, empregando xabre e formigón con mallazo.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que a obra suporá unha notable mellora da seguridade peonil para a veciñanza da zona e puxo en valor os case 400 quilómetros de sendas dos que dispón xa a rede provincial de estradas.

O alcalde de Ames, Blas García, explica que “o financiamento que chega da Deputación da Coruña supón un gran apoio para todos os concellos da provincia. Os veciños de Biduído gozarán dun itinerario peonil seguro para o seu uso e desfrute. Deste xeito, o Concello de Ames reafirma a aposta polo rural que vén realizando dende fai anos”.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, achegouse onte ata Biduído para comprobar que o inicio dos traballos se realizaba de xeito correcto. Gustavo Nieto destaca “a importancia de dotar ás parroquias de novas sendas peonís para mellorar a seguridade da veciñanza nos percorridos que fan a pé. Nestes intres tamén se está executando unha nova senda peonil de preto de 500 metros entre Covas e Bertamiráns”.

Características da senda de Biduído
No treito de senda que discorre entre o acceso á igrexa e a súa conexión coa beiravía da estrada acondicionarase o recheo con terra vexetal e a plantación de céspede. A restauración do vexetal dos noiros resultantes do movemento de terras realizarase mediante hidrosementeira.

Para a rede de drenaxe empregarase canalización soterrada de PVC, pozos de rexistro e sumidoiros. No extremo exterior da senda disporase un bordo de delimitación para o encanamento da escorrentía superficial. Será preciso executar a ampliación dunha obra de drenaxe con tubo de formigón armado, arqueta para colector con reixa e embocadura e aletas con encachado de pedra e a cuberta dunha obra de drenaxe mediante unha arqueta de tres parámetros.

As actuacións completaranse coa colocación dunha varanda modular en aceiro inoxidable para a contención dos peóns e catro bancos formados por dous dados de pedra granítica e asento en listóns de madeira.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Comienza la construcción de una senda peatonal de 328 metros de longitud en Biduído"

La Voz de Galicia: "Comienzan las obras de la senda peatonal de Biduído, en el rural de Ames"

Execútase unha nova senda peonil en Biduído por valor de preto de 130.000 euros

Multimedia

  • Execútase unha nova senda peonil en Biduído por valor de preto de 130.000 euros
  • Execútase unha nova senda peonil en Biduído por valor de preto de 130.000 euros
  • Execútase unha nova senda peonil en Biduído por valor de preto de 130.000 euros
  • Execútase unha nova senda peonil en Biduído por valor de preto de 130.000 euros
  • Execútase unha nova senda peonil en Biduído por valor de preto de 130.000 euros
  • Execútase unha nova senda peonil en Biduído por valor de preto de 130.000 euros