- Tematica
Un ano máis, o Concello de Ames apostou pola promoción do deporte, unha actividade lúdica e mental que mellora substancialmente a vida de quen o practica. Por este motivo, a Concellaría de Deportes organizou no Milladoiro unha nova edición do Día do Deporte, no que a veciñanza amesá puido participar en diferentes deportes ao longo de toda a xornada. Así, as e os asistentes participaron de diferentes actividades de grupo, impartidas por clubs de Ames, como son o baloncesto, fútbol sala, voleibol, tenis, patinaxe, atletismo, xadrez ou piragüismo, xunto con outras actividades dirixidas a adolescentes e maiores como son o zumba, step, ioga, spinning, body combat ou pilates. Ademais, o Concello ofreceu a posibilidade de probar novas disciplinas nesta edición, como o squash e o golf.
A extensa oferta deportiva fixo que moitos veciños e veciñas se achegaran ao Milladoiro durante a mañá e a tarde para iniciarse ou perfeccionar a práctica das moitas disciplinas que se puxeron ao seu alcance. As dúas novidades deste ano, o squash e o golf, tiveron tamén unha moi boa acollida. Para a concelleira de Deportes, Susana Señorís, foi una “xornada exitosa en canto a participación, xa non so coas moitas persoas que se achegaron a practicar alguna disciplina, senón tamén pola alta participación na Carreira e Andaina da Familia. Ames segue a gozar de moi boa saúde no eido deportivo e confiamos en que moitas dos rapaces e rapazas que hoxe probaron algunha disciplina en particular, poidan seguir desenvolvendo esa actividade ao longo de todo o ano”.
Carreira e Andaina da Familia
O Día do Deporte incluiu na súa programación a realización da III Carreira e Andaina da Familia, da que participaron preto de 300 persoas. Así, ao longo da mañá do sábado, os/as participantes puideron gozar dunhas horas cheas de música, actividades e xogos para os máis cativos. O diñeiro recadado, a través das cotas de inscrición e venta de rifas, pulseiras e camisetas será destinado á Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (ASANOG).
Por terceiro ano consecutivo organizouse unha nova edición da Carreira e Andaina da Familia, unha actividade benéfica coa que se busca impulsar o traballo de ASANOG e facilitar que todos aqueles que o desexen poidan colaborar coa asociación a través dun acto lúdico e festivo. Ao fin da carreira, procedeuse a un sorteo de agasallos e á entrega de premios. A organización estableceu diferentes premios para a familia máis numerosa, o avó/avoa de máis idade, as/os 3 primeiras/os chegadas/os a meta, a primeira familia monoparental, a primeira familia de 3 integrantes, a primeira familia de 4 integrantes e a primeira familia de 5 integrantes.
Recadación para ASANOG
O diñeiro recadado, a través das cotas de inscrición, será destinado á Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (ASANOG), que tamén montou unha carpa o propio día da carreira para que todas as persoas que quixeran puideran facer unha achega a través do Dorsal 0.
ASANOG é unha asociación sen ánimo de lucro que naceu en 2012 por iniciativa de un grupo de familias que tiñan ou tiveran algún neno con cáncer. De esta maneira, o seu obxectivo non é outro que o de contribuír no ámbito da nosa comunidade a mellorar o estado dos nenos oncolóxicos e as súas familias.