Solapas principales

Éxito de participación na I Carreira-Andaina dos Inocentes do Concello de Ames

Lunes, 30 de diciembre de 2019

O pasado sábado, 28 de decembro, participaron na primeira Carreira-Andaina dos Inocentes do Concello de Ames arredor  de 200 persoas, logrando un gran éxito de participación. Dende a Federación Galega de Atletismo rexistraron a chegada á liña de meta de 142 participantes, aínda que a participación foi maior xa que houbo persoas que se sumaron á proba sen ánimo de competir. Todos os fondos recadados foron destinados á entidade SOGAPS (Solidariedade Galega co Pobo Saharauí). Ademais, houbo premios para os tres primeiros que chegaron á meta, os tres mellores disfraces de grupo, os tres mellores disfraces individuais e sorteos entre todos os dorsais participantes. Para ver máis fotografías do evento, preme neste enlace.

A primeira Carreira- Andaina dos Inocentes, que se levou a cabo na contorna da praza de Chavián, foi organizada polo departamento de Deportes do Concello de Ames xunto cos clubs Ames Atletismo, Millaraio, Ribeiras do Tambre e Esfola Arrós. Contou con 157 inscritos na portal web da carreira, aos que houbo que sumar todos aqueles participantes que compraron o dorsal ese mesmo día na propia carpa, sumando arredor de 200 participantes.

Dende a Federación Galega de Atletismo rexistraron a chegada á liña de meta de 142 participantes, aínda que a participación foi maior xa que houbo persoas que se sumaron á proba sen ánimo de competir. Destinada a todos os públicos, tiña como obxectivo a recadación de fondos para SOGAPS. O circuíto, de aproximadamente 3 quilómetros, puido realizarse correndo ou andando, e ademais, a participación podía ser individual ou en grupos dun mínimo de 3 integrantes. No caso dos menores, a inscrición era gratuíta.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, deulle “as grazas a todas as personas que se achegaron a tarde do pasado sábado ata a praza de Chavián, a pasar unha tarde distinta; andando, correndo e divertíndose na I Carreira Andaina dos Inocentes. Grazas a todos os clubs, asociacións, e traballadores/as do Concello que fixeron posible que esta proba se levase a cabo”.

Na carreira colaboraron as Asociacións de Comerciantes e Empresarios de Ames: a Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), a Asociación de Pequenos Comerciantes Palmira Bulevar e a Asociación de Empresarios Parque Empresarial Novo Milladoiro. Todos eles doaron vales de compra que foron entregados aos gañadores da carreira e aos mellores disfraces participantes.

Ademais, o Centro Comercial Novo Milladoiro doou unha cesta para sortear entre todos os dorsais e Tómate Más Fruta agasallou aos participantes da careira- andaina con pezas de froita.

A recadación foi destinada a SOGAPS
Ás 17.30 horas fíxose a entrega de dorsais e, de seguido, houbo unha sesión de quecemento en grupo. Xa aproximadamente ás 18.40 horas, deu comezo a carreira-andaina. Chegados todos á meta, repartiuse chocolate quente con bica e madalenas, así como froita e auga entre todos os/as participantes. Para o fin de festa, realizouse o sorteo de agasallos e a entrega de premios.

Toda a recadación do día foi destinada a SOGAPS (Solidariedade Galega co Pobo Saharauí), unha organización non gobernamental formada por persoas voluntarias que adican parte do seu tempo en colaborar na axuda ao pobo saharauí, pretendendo mellorar as súas condicións de vida, tanto dos refuxiados saharauís, como da poboación residente no Sáhara Occidental ocupada por Marrocos.

I Carreira-Andaina dos Inocentes

Multimedia

  • I Carreira-Andaina dos Inocentes
  • I Carreira-Andaina dos Inocentes
  • I Carreira-Andaina dos Inocentes
  • I Carreira-Andaina dos Inocentes
  • I Carreira-Andaina dos Inocentes