Solapas principales

Éxito de participación na II Feira do voluntariado e no Encontro intercultural de Ames

Lunes, 03 de octubre de 2022

O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolleu o pasado sábado 1 de outubro a segunda edición da Feira do voluntariado e o Encontro intercultural de Ames baixo o lema “Sementando Voluntariado”. A xornada contou cunha gran participación por parte do tecido asociativo e da veciñanza amesá, que se achegou á feira para coñecer ás diferentes asociacións, anotarse para colaborar como voluntaria, e degustar pratos típicos de diferentes culturas e nacionalidades. Premendo nesta ligazón pódese ver a galería de fotos da II Feira do voluntariado e Encontro intercultural 2022.

“Sementando Voluntariado” foi o lema da segunda edición da Feira do voluntariado de Ames, que este ano incluíu na súa programación o Encontro intercultural do concello. Un total de dezasete stands de diferentes entidades estiveron acompañados de diversas actividades ao longo da xornada, como coloquios, mesas redondas, exposicións ou xogos, e pola gastronomía de ata trece nacionalidades, compartida por diferentes veciños e veciñas de Ames.

A xornada comezou ás 10:00 horas co acto de inauguración, ao que asistiron o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Benestar Social e Promoción da Saúde, Luisa Feijoo; a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, e o coordinador da Oficina de Voluntariado de Ames, Rubén Ramos. Tras unha breve intervención para dar comezo á feira, realizaron un percorrido polos diferentes postos, nos que as diferentes asociacións mostraron e expuxeron os seus diferentes proxectos e iniciativas.

En total participaron no evento un total de dezasete entidades: Asociación de Migrantes de Galicia, Asociación sociocultural de venezolanos en Santiago de Compostela, Asociación galega de familias de acollida, Asociación social e cultural Recycling, Fundación Tierra de hombres España, Confederación galega de persoas con discapacidade, Cáritas Milladoiro, Fundación Down Compostela, Asociación de dano cerebral de Compostela, Agrupación de Protección Civil de Ames, Obra social pediatría CHUS, ONG Solidariedade internacional de Galicia, ONG Manos Unidas, Arcea Adames, Asociación Fonte da Virxe, Oficina de Voluntariado do Concello de Ames e Dirección xeral de voluntariado da Xunta de Galicia.

A continuación, a partir das 12:00 horas, deu comezo a mesa redonda “A miña experiencia como voluntario/a”, que se estendeu practicamente ata á hora do xantar, e na que diferentes persoas que foran voluntarias ao longo da súa vida compartiron de xeito aberto as súas diferentes experiencias.

Xa ás 14:00 horas deu comezo o Encontro intercultural, no que veciñas e veciños de Ames nativos de países como Brasil, México, Guatemala, Venezuela, Guinea Ecuatorial, Ghana, Marrocos, Alxeria, Ucraína, Timor Oriental, Colombia, China e República Dominicana, compartiron pratos típicos que puideron ser degustados por todos e todas. Unha edición máis, o encontro foi un grande éxito de participación, no que os asistentes puideron coñecer unha parte da cultura destas veciñas e veciños que colaboraron de xeito desinteresado.

Xa pola tarde, a programación completouse co xogo “Non pases palabra”, que impartiu o persoal da asociación Solidariedade Internacional de Galicia; a exposición fotográfica "Olladas desde a inmigración", cunha charla coloquio a cargo do persoal da Asociación de Migrantes de Galicia, e a sesión de música “Percuterapia”, coa que se pechou a feira.

“Cumprimos os obxectivos principais da xornada, que eran proporcionar un espazo para establecer sinerxías entre asociacións e que estas sumasen novas e novos voluntarios e colaboradores. Ademais, incluír por primeira vez na feira o noso Encontro intercultural foi un grande éxito, cunha recepción moi positiva por parte da veciñanza e de todas as persoas que se achegaron ata a feira”, destacou a concelleira de Benestar Social e Promoción da Saúde, Luisa Feijóo.

Premendo nesta ligazón pódese ver a galería de fotos da II Feira do voluntariado e Encontro intercultural 2022.

Novas relacionadas:

AMSGO!: "A II Feira do Voluntariado de Ames reuniu o tecido asociativo e solidario galego en Bertamiráns"

El Correo Gallego: "Bertamiráns acolleu a Feira do Voluntariado"

Éxito de participación na II Feira do voluntariado e no Encontro intercultural de Ames

Multimedia

  • Éxito de participación na II Feira do voluntariado e no Encontro intercultural de Ames
  • Éxito de participación na II Feira do voluntariado e no Encontro intercultural de Ames
  • Éxito de participación na II Feira do voluntariado e no Encontro intercultural de Ames
  • Éxito de participación na II Feira do voluntariado e no Encontro intercultural de Ames
  • Éxito de participación na II Feira do voluntariado e no Encontro intercultural de Ames
  • Éxito de participación na II Feira do voluntariado e no Encontro intercultural de Ames
  • Éxito de participación na II Feira do voluntariado e no Encontro intercultural de Ames
  • Éxito de participación na II Feira do voluntariado e no Encontro intercultural de Ames