- Tematica
Ao abeiro do programa Apego, a Concellaría de Normalización Lingüística puxo en marcha un ano máis as Brincadeiras Miúdas, dúas xornadas de xogos tradicionais, música, obradoiros e creación libre de xoguetes. As brincadeiras comezan cun concerto participativo de Cé Orquestra Pantasma e continúan con xogos tradicionais, xogo libre e un espazo para a creación libre de xoguetes. A primeira xornada, que tivo lugar onte en Bertamiráns, foi un éxito de participación. Hoxe, 5 de setembro, ía ter lugar a segunda e última xornada en Ventín, pero finalmente, foi adiada por mor da previsión meteorolóxica. Proximamente anunciarase unha nova data.
O programa Apego abriu setembro presentando a programación para os vindeiros meses, unha proposta que inclúe xogos, contos, obradoiros, música, cinema, teatro, maxia... pensada para favorecer a transmisión da lingua e para achegarlles recursos ás familias para unha crianza en galego, positiva e creativa.
O programa comezou esta semana cun clásico xa no noso concello, as Brincadeiras Miúdas, dúas tardes de música, xogo e divertimento dinamizadas e dirixidas por Cé Orquestra Pantasma, un músico e mestre xogueteiro especializado en animación infantil, no fomento do xogo libre e en achegar as crianzas á natureza. O obxectivo central desta actividade é fomentar a creatividade e a autonomía das crianzas e demostrar que a natureza pode ser a mellor e máis divertida feira xogueteira.
Nesta ocasión, as Brincadeiras Miúdas celebráronse onte no parque do Ameneiral, en Bertamiráns, ata onde se achegaron numerosas familias para desfrutar dunha tarde divertida nun ambiente lúdico e familiar.
As brincadeiras comezaron cun concerto participativo de Cé Orquestra Pantasma, seguido de xogos tradicionais, xogo libre e desestruturado e dun espazo para a creación libre de xoguetes con materiais naturais. As crianzas que se achegaron ata o Ameneiral desfrutaron xogando libremente e ao seu ritmo, adaptándose ás súas propias necesidades e guiándose pola súa propia imaxinación.
O programa Apego: actividades, formación e recursos para as familias
O programa Apego é un proxecto colaborativo no que participan varios concellos, entre os que se inclúe Ames, e que vai dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 6 anos. O seu obxectivo é promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia, empregando distintas actividades e recursos.
As familias interesadas en sumarse á iniciativa poden facelo poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, escribindo un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 377 215. Así mesmo, tamén poden facelo cubrindo o formulario “Súmate ao apego”, que está dispoñible na páxina web do programa, apego.gal.