Solapas principales

Éxito de participación na primeira xornada sobre saúde mental e na II Feira de Saúde e Ben-Estar

Lunes, 25 de abril de 2022

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción da Saúde, organizou na Casa da Cultura de Bertamiráns a primeira xornada sobre saúde mental infanto-xuvenil de Ames, “Coidados á mente”. O acto de inauguración correu a cargo do delegado do Goberno en Galicia, José Miñones; do alcalde de Ames, Blas García; e da concelleira de Benestar Social e Promoción da Saúde, Luísa Feijóo. O auditorio da Casa da Cultura, que conta con 216 butacas, estivo practicamente cheo, e ademais a través do streaming conectáronse 302 persoas ao longo da mañá. Ao mesmo tempo, na zona exterior da Casa da Cultura de Bertamiráns estase celebrando a II Feira da Saúde e Ben-Estar na que participan 14 asociacións. Preme aquí para consultar a galería de fotos da xornada de saúde mental e da feira da saúde.

Ao longo da xornada do sábado, 23 de abril, Ames converteuse nun referente a nivel nacional sobre a saúde e mailo benestar emocional. A Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu a primeira xornada sobre saúde mental infanto-xuvenil de Ames, “Coidados á mente”, que se enmarcou entro da II Feira da Saúde e Ben-Estar de Ames. No acto de inauguración participaron o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones; o alcalde de Ames, Blas García; e maila concelleira de Benestar Social e Promoción da Saúde, Luísa Feijóo.

A concelleira de Benestar Social e Promoción da Saúde, Luísa Feijóo, foi a encargada de abrir a quenda de intervencións. “A pandemia ensinounos moitas cousas e unha delas é que temos que traballar a saúde mental, para poder ter unha sociedade saudable, equilibrada e de futuro. É fundamental centrarnos na saúde mental e emocional dende os nenos e nenas de idades temperás, pasando polas diferentes etapas de crecemento ata chegar a adultos. Esta xornada está pensada para profesionais pero tamén para pais e nais, e para os/as educadores/as, para dotarnos das ferramentas necesarias para poder axudar a nenos e nanas, así como aos adolescentes. É un orgullo que esta xornada tivese tan boa resposta de participación a nivel presencial e de forma telemática”.

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, destacou que “esta xornada de saúde mental enmárcase na segunda edición da Feira da Saúde e estou completamente seguro que van a organizarse moitas máis pola gran expectación que están xerando. Ademais o Concello de Ames é un referente nacional en hábitos saudables e así o recoñece a Rede de Cidades Saudables. En marzo do ano pasado anunciouse a concesión do premio nacional de calidade polo fomento de hábitos saudables. Trátase dun recoñecemento que lle outorgaron ao Concello de Ames por iniciativas como esta, entre outras moitas que se organizan”.

Plan de Acción estatal específico de saúde mental
Ademais, o delegado do Goberno en Galicia situou como prioritaria a aposta do Goberno do Estado pola saúde mental, na que sobresae un Plan de Acción estatal específico de Saúde Mental e COVID-19 dotado con máis de 100 millóns de euros, xunto coa recente aprobación polo Consello de Ministros da Estratexia de Saúde Mental 2021-2026. Un documento marco que, tal e como lembrou José Miñones, “non se renovaba desde o ano 2009 e que evidencia a determinación deste Goberno con este problema nun tema no que non queremos deixar a ninguén atrás”.

Entre as diferentes accións previstas dentro do Plan de Acción de 100 millóns de euros, José Miñones subliñou unha liña específica anunciada pola ministra de Educación, Pilar Alegría, para poñer en marcha un plan de saúde mental no sistema educativo en colaboración coas comunidades autónomas. Entre os seus obxectivos está actuar fronte a problemas como o acoso escolar ou o ciberacoso. “Os nosos nenos e nenas teñen que acudir a clase nun entorno seguro, no que sintan confianza para despregar todo o seu potencial e, sobre todo, no que sexan felices”, apuntou.

Así mesmo, o delegado do Goberno recordou outras medidas xa aprobadas e enmarcadas na Estratexia de Saúde Mental do Goberno, tales como a creación da especialidade de psiquiatría infantil e da adolescencia, que formará parte da próxima oferta na formación sanitaria especializada, ou a posta en marcha do 024, o teléfono gratuíto contra o suicidio.

Luísa Feijóo, agradeceu as medidas postas en marcha polo Goberno do Estado e engadiu que “para ter unha boa saúde fai falta ter benestar tanto físico como mental, polo tanto agradecemos moito a boa disposición que existe dende a Delegación do Goberno en Galicia. As medidas que se poñan en marcha dende o Goberno do Estado e dende o Goberno autonómico son moi importante, pero tamén o son os programas e servizos que se poñen en marcha dende os Concellos polo que teño que agradecer o traballo desta Corporación municipal neste eido e tamén do persoal municipal”.

A quenda de intervencións pechouna o alcalde de Ames, Blas Garcia, que destacou “a importante aposta que esta facendo este Goberno local pola promoción da saúde porque non só nos quedamos coa programación deste mes de abril, senón que ao longo do ano se realizan numerosas actividades de apoio á veciñanza en materia de promoción da saúde. Non hai dúbida de que un pobo saudable é sinónimo de fortaleza e futuro, por iso se traballa na difusión e práctica de políticas saudables e de benestar. Esta feira penso que xa se converteu en referencia a nivel de Galicia, xa que non hai moitos concellos que fagan a aposta pola promoción da saúde que fai Ames”.

Blas García tamén incidiu na importancia desta xornada de saúde mental “xa que en moitas ocasións os pais e nais vémonos perdidos ante todo o que lle sucede aos nosos fillos e fillas. En moitas ocasións as súas inseguridades créanlles un conflito interior moi forte que deriva en autolesións, depresións prematuras, etc. O número de suicidios en adolescentes aumenta porque non son capaces de xestionar a súa ansiedade, non son rebeldes porque si, sempre hai algo detrás como pode ser o acoso ou non sentirse aceptado polo seu grupo. Por todo isto os pais e nais en moitas ocasión sentímonos frustrados e necesitamos ferramentas para poder axudar aos nosos fillos e fillas”.

No acto de inauguración da xornada tamén participaron outros/as concelleiros e concelleiras do Goberno municipal e do grupo municipal popular. Unha vez realizada a inauguración institucional do evento deron comezo as conferencias, nas que participaron diversos profesionais da psicoloxía e da psiquiatría. Ao longo da mañá impartíronse tres conferencias e unha mesa redonda, mentres que pola tarde houbo dous talleres. Abordáronse temáticas diversas como as relacións interpersoais, o xogo e o xogar ou as adiccións. Ademais, unha monitora do centro deportivo Be One impartiu unha sesión de estiramentos e outra de pausa activa.

O auditorio da Casa da Cultura, que conta con 216 butacas, estivo practicamente cheo, e ademais a través do streaming conectáronse 302 persoas ao longo da mañá, de distintas cidades e vilas galegas así como do resto do Estado. O Concello de Ames contou co apoio da Rede Española de Cidades Saudables para difundir a xornada entre os Concellos que son socios da Rede.

II Feira da Saúde e Ben-Estar
Posteriormente, o delegado do Goberno visitou xunto ao alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Benestar Social e Promoción da Saúde, Luisa Feijóo, e outros/as concelleiros e concelleiras do Goberno municipal, os stands da II Feira de Saúde que estiveron instalados na zona exterior da Casa da Cultura de Bertamiráns, en horario de mañá, de 10.00 a 14.30 horas, e de tarde, de 16.30 a 20.00 horas.

Un total de 14 asociacións (ALCER, ANEDIA, ACEGA, AGADEA, ACEM, AECC, ASANOG, Fonte da Virxe, Alcohólicos Anónimos, QuerENDO, AMICO, AGAPA, CON-ARTITRIS E AEPNAA) participaron na Feira da Saúde co obxectivo de proporcionar información a todas aquelas persoas que se acheguen por alí. As autoridades municipais e mailo delegado do Goberno agradecéronlle ás diferentes asociacións participantes, na feira e nas xornadas, o seu traballo diario e a súa labor imprescindible e puxéronse a súa disposición para escoitalos, poñer medidas e seguir mellorando.

Xantar solidario
Aproveitando a celebración da II Feira da Saúde e da primeira xornada de saúde mental organizouse un xantar solidario que tamén se realizou na Casa da Cultura de Bertamiráns de 14.30 a 16.30 horas. En dito xantar participaron 90 persoas. O importe recadado ascendeu a 1.350 euros, que foron doados a partes iguais á Xunta Local de Ames da Asociación Española Contra o Cancro e á Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "El Mes da Saúde de Ames resaltó el valor de la salud mental infantojuvenil"

El Correo Gallego: "Visita á Xornada de saúde mental con cen millóns de euros no peto"

Enfoques: "Éxito de participación en la jornada sobre salud mental en la Feria de Salud y Bien-Estar"

Acto de apertura da xornada sobre saúde mental

Multimedia

  • Acto de apertura da xornada sobre saúde mental
  • Persoas que asistiron á xornada sobre saúde mental
  • Unha monitora do centro deportivo Be One impartiu unha sesión de estiramentos e outra de pausa activa
  • A primeira conferencia, titulada “A importancia do vínculo na saúde mental”, contou co relato de Ana González Uriarte
  • Imaxe da visita feita aos stands da II Feira de Saúde
  • Imaxe da visita feita aos stands da II Feira de Saúde
  • Imaxe da II Feira de Saúde
  • Imaxe do xantar solidario