- Tematica
A Aula da Natureza de Ames organizou durante o mes de marzo tres actividades dentro da súa programación para o primeiro mes do ano. Por un lado celebrouse, durante os días 24, 25 e 26, un curso de interpretación do patrimonio natural dirixido a guías de natureza, guías turísticos, monitores de tempo libre, e, en xeral, persoas interesadas en comunicar valores ambientais. Por outra banda tiveron lugar o último curso de cestaría desta primavera e unha ruta polos muíños de Riamontes coa rapazada de entre 6 e 14 anos.
O curso de interpretación do patrimonio natural tivo unha duración de 16 horas, e foi impartido por Isabel Fernández Domínguez, da Asociación para la Interpretación del Patrimonio. Fernández Domínguez é consultora e formadora especializada en interpretación do patrimonio, turismo sostible, comunicación accesible e educación ambiental. Conta cunha experiencia de máis de 20 anos en proxectos relacionados coa difusión e a interpretación do patrimonio, a accesibilidade, o turismo sostible e o uso público en espazos naturais protexidos. Actualmente, ademais, é titora e profesora do Programa Formativo de Guías de la Red de Parques Nacionales en España.
O programa desenvolveuse compaxinando tres sesións teóricas e unha práctica. Tras unha presentación da relatora, do alumnado e dos obxectivos do curso, impartíronse os contidos relacionados co patrimonio natural: os principios de Tilden, o modelo TORA, como deseñar visitas guiadas interpretativas, técnicas da interpretación do patrimonio ou a receita da IP. Así mesmo, leváronse a cabo prácticas en grupos titorizadas e realizouse unha avaliación antes de pechar o curso.
A metodoloxía foi eminentemente práctica, e fundamentouse na presentación de contidos para a posterior realización de diferentes dinámicas nas que se aplicasen os contidos teóricos. Deste xeito, os alumnos e alumnas do curso deberon desenvolver ideas propias en base á teoría vista durante as clases. Así, xurdiron propostas como unha guía polo Pazo da Peregrina simulando o Camiño de Santiago. Na guía expóñense cuestións como o uso das plantas como alimento e como remedio para pequenas enfermidades ou feridas, e ofrécese unha explicación sobre o micro hábitat dos muros do pazo (liquens, pequenos insectos...).
Curso de cestaría e ruta de Riamontes
Por outra banda, celebrouse o último curso de cestaría da primavera, que foi impartido por Julia da Cal os días 25 e 26 de marzo, e no que se completaron as prazas dispoñibles. Durante a primeira xornada, os participantes construíron unha base e armaron os laterais dos cestos. Xa durante a segunda sesión remataron os bordes e colocáronlles unha ou dúas asas, en función das súas preferencias.
Nas mesmas datas, un total de doce rapaces e rapazas de entre 6 e 14 anos realizaron a ruta dos muíños de Riamontes, acompañados por dous monitores de tempo libre e pola responsable da Aula da Natureza, Patricia Reboreda. Así, os nenos e nenas percorreron distintas pistas de monte, atopando ao seu paso pegadas de animais como o lobo, e gozaron dunha xornada a carón do río na que o tempo acompañou.