Solapas principales

Éxito total na volta das actividades presenciais do programa Apego

Viernes, 10 de julio de 2020

A Concellaría de Normalización Lingüística retomou na tarde de onte, no pazo da Peregrina, a súa programación presencial con actividades do programa Apego. Dous espectáculos: o de "Contos con Apego" de Ruth Caramés, de Fabaloba, e o concerto de Uxia Lambona e a Banda Molona fixeron as delicias de grandes e pequenos e serviron para darlle a benvida a unha nova xeira de actividades dirixidas aos máis pequenos e as máis pequenas da casa. A programación infantil continuará a semana que vén. Desa volta da man da Concellaría de Cultura que traerá á praza de Manuel Murguía do Milladoiro a Xoán Curiel co seu espectáculo "Danzamos no Verán".

"Notábase que había ganas de compartir, de cantar e de bailar, de estar xuntos", para a concelleira de Normalización Lingüística, o vivido no Pazo da Peregrina ontr á tarde "reflicte a todas luces o apego pola lingua e pola cultura e a demanda das familias de actividades que inclúan a posibilidade de socializar, de compartir, de estar en contacto". Matiza Pampín que iso lle ocorre tanto aos rapaces e ás rapazas como ao resto da familia e salienta o interese que papás e mamás amosaron nos recursos para seguir traballando lúdicamente na casa que ofreceu Ruth Caramés" nos "Contos con Apego". "Seguiremos traballando nesta liña, na procura de actividades que nos afiancen tamén como grupo, como sociedade e que faciliten a crianza na nosa lingua con diversidade de recursos" adiantou a concelleira.

O entusiasmo co que a rapazada e as familias acolleron ambos os dous espectáculos fixo que apenas se notase a redución de público imposta para dar cumprimento as medidas de seguridade que impoñen as actuais circunstancias. Para os "Contos con Apego" de Ruth Caramés cubríronse todas as prazas ofertadas e asistiron 60 persoas. O concerto de Uxia Lambona foi seguido por 120 persoas, agrupadas en unidades de convivencia.  As entradas esgotaranse na mesma mañá en que se abriu o prazo de inscrición e, dadas as restricións de aforo motivadas pola seguridade sanitaria moitas outras familias non puideron participar da actividade. Vista a ampla demanada, desde a Concelleraría de Normalización Lingüística estudan a posibilidade de repetir a actividade en vindeiras programacións.

As actividades comezaron ás 17.30 horas no xardín de atrás do Pazo, á sombra das árbores e con espazo delimitado para cada unha das familias inscritas. Ruth Caramés, de Fabaloba, compartiu coas familias con crianzas de 0 a 6 anos diferentes historias e recursos que xiraban arredeor da temática que lle daba nome a sesión Había unha vez un virus. Estas historias poden axudar a comprender momentos vitais coma este no que nos atopamos e son unha moi boa ferramenta para ás familias, ben como entretemento ben como recurso educativo que axuda a superar unha situación crítica.

De seguido, ás 19.00 horas, Uxía Lambona e a Banda Molona ofreceu un concerto no patio do Pazo da Peregrina, con aforo limitado e con cadeiras para todas as persoas asistentes. Uxía Lambona e a Banda Molona recolle os clásicos populares galegos e dálles o seu toque particular. Así no Pazo da Peregrina soou desde A Carolina rapeada ata O Jato rockeiro... pasando por outros moitos temas tradicionais e propios con diferentes ritmos como ska, o reggae, o klezmer, a cumbia, e o tango. Bailes, xogos e coreografías que a rapazada e as familias seguiron ao pé da letra, demostrando que a de Uxía Lambona é unha das bandas infantís máis seguidas e recoñecidas no noso país.

A semana que vén estará en Ames Xoán Curiel
A programación infantil continuará a semana que vén. Desa volta da man da Concellaría de Cultura que traerá a Ames a Xoán Curiel co seu espectáculo "Danzamos no Verán". Será o próximo xoves, 16 de xullo, na Praza de Manuel Murguía do Milladoiro. A Banda do Verán presentará este espectáculo que conta con música en directo, danza e elementos teatrais e de clown. O acto encádrase na programación da Rede Cultural da Deputación da Coruña. Neste caso, tamén por mor das normas de seguriade pola COVID-19, o aforo limitarase a 100 persoas.

Uxia Lambona no Pazo da Peregrina

Multimedia

  • Uxia Lambona no Apego en Ames
  • Uxia Lambona no Pazo da Peregrina
  • Uxia Lambona no Pazo da Peregrina
  • Ruth Caramés de Faba Loba
  • Ruth Caramés no pazo da Peregrina