- Tematica
É unha impresión repetida. Nas últimas semanas, escoitouse falar polas rúas de Ames máis galego entre a rapazada. Preto de 3.000 nenos e nenas de sete centros educativos que cursan o segundo ciclo de infantil e primaria participaron na experiencia de 21 días de compromiso lingüístico promovida pola Real Academia Galega e o Concello de Ames no marco do programa Modo galego, actívao!, que ao longo deste curso traballará distintos aspectos nos contextos de socialización infantil. O Seminario de Sociolingüística da RAG ten agora por diante outro labor fundamental, analizar en profundidade os resultados da proposta que consistiu en animar os cativos e cativas a se expresar en galego dentro e fóra das aulas, contando coa implicación do profesorado e o monitorado das actividades complementarias de xestión municipal, e apelando tamén á complicidade das familias. A avaliación farase con distintas ferramentas que sirvan para tirar conclusións útiles, para o Concello de Ames e para calquera outro que queira replicar o proxecto. Pero á espera dese diagnóstico científico, as primeiras impresións por todas as partes implicadas son moi positivas.
A Casa da Cultura de Bertamiráns foi este mércores pola tarde o escenario dun primeiro encontro para intercambiar valoracións entre representantes da Real Academia Galega, o Concello de Ames, o profesorado e as familias amesás, unha cita concibida tamén polas dúas institucións promotoras como un recoñecemento público á implicación das mestras e dos mestres, dende cadansúa aula e a nivel de centro, e dos nais e pais e as asociacións arredor das cales se organizan, todos eles axentes esenciais para o éxito da experiencia. Henrique Monteagudo, vicesecretario da RAG e coordinador do Seminario de Sociolingüística; Gabino Vázquez-Grandío, técnico do mesmo seminario; e Escarlata Pampín, concelleira de Normalización Lingüística de Ames, interviñeron nun acto no que falaron da vivencia directa nos colexios e nos fogares Enrique Gil Gil, coordinador do EDLG do CEP de Ventín; Javier Cacheiro López, presidente da ANPA do mesmo colexio; Alonso Barreiro Caxade, director do CEIP de Barouta; e María Carmen Liñares Liñares, directora do CEIP Agro do Muíño.
No acto estreouse ademais un vídeo de sensibilización protagonizado por alumnado e familias, e que pode xa verse nas redes sociais da Academia e do Concello de Ames.
“As primeiras impresións e valoracións que temos son moi positivas”, apunta Henrique Monteagudo. “Cremos que foi un acerto que por primeira vez participasen nunha experiencia deste tipo todos os centros públicos do concello. Isto creou unha sinerxía e unha potenciación mutua, facilitou que a rapazada seguise falando galego ao saír do colexio cos amizades doutros centros escolares, no parque e noutros contextos, porque estiveron implicados a un tempo preto de 3.000 nenos e nenas”, explica. “Agora toca avaliar a experiencia e seguir avanzando, aprendendo entre todos e todas, e continuar coas seguintes fase do proxecto”, engade o coordinador do Seminario de Sociolingüística.
A concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, comparte a impresión positiva e a “moi boa acollida” que obtivo a iniciativa. “Coido que foi unha proposta que convidou á reflexión lingüística por parte dos nenos e nenas, de toda a comunidade educativa e das familias. Este feito xa é moi positivo. Dende o Concello de Ames seguiremos traballando arreo no proxecto de intervención Modo galego, actívao! de xeito colaborativo coa RAG para, entre todos e todas, reverter a situación da nosa lingua entre os nenos e nenas do noso concello”, salienta a concelleira.
As vantaxes da intervención temperá e compartida
A experiencia é unha adaptación de 21 días co galego, unha idea orixinal de Pilar Ponte -que tamén colaborou como asesora deste programa-, pero introduce como novidades, ademais da abordaxe a nivel de concello, a extensión da intervención aos servizos de conciliación e actividades extraescolares e o adiantamento das accións ás etapas de infantil e primaria no canto de agardar á secundaria. “Infantil e primaria son contextos moi propicios para a intervención, xa que son etapas que contan cun alumnado receptivo e con actitudes positivas. Con maior ou menor interese, cremos que os nenos e nenas viviron estas tres semanas como un reto, como un desafío divertido e sen episodios de conflitividade salientables”, comparte Gabino Vázquez-Grandío, encargado de dinamizar o blog que serviu de guía ao profesorado e ás familias, con propostas de temas semanais, actividades concretas e recursos lúdicos e didácticos complementarios.
Para Alonso Barreiro Caxade, director do CEIP de Barouta, o termo clave é “conciencia lingüística”. “Entre as horas no colexio e as do tempo de conciliación co modo galego activado conseguimos un número de horas en galego importante sobre todo para crear actitude”, reflexiona. O proxecto, apunta, serviu non só para promover que os nenos e nenas que se expresan habitualmente galego o mantivesen de maneira máis constante, senón que tamén funcionou para espertar o interese da rapazada que non o fala.
“É unha iniciativa moi necesaria para dotar a rapazada dun espazo no que se expresar en galego sen ser xulgada”, coincide María Carmen Liñares Liñares, directora do CEIP Agro do Muíño. “En moitos casos a presión de grupo fai que os cativos e cativas non cheguen a intentar falalo porque se senten diferentes, e os que teñen o galego na casa como lingua vehicular van abandonándoo ao chegar ao sistema educativo. Modo galego, actívao! potencia que todos poidan falalo, é un punto de partida que permite crear unha rutina en galego, abrir os contextos”, valora. “Máis alá do efecto que poida ter sobre a concienciación lingüística, vemos que estas experiencias de inmersión lingüística son un reforzo positivo para o alumnado galegofalante. É unha experiencia de apoderamento e un reforzo para a igualdade na convivencia entre pares”, constata Gabino Vázquez-Grandío.
Enrique Gil sinala outro factor fundamental que se repite entre as primeiras impresións, a implicación das familias, e coincide tamén cos compañeiros doutros centros en destacar a calidade das propostas de intervención trasladadas ás escolas dende o Seminario de Sociolingüística: “Son moi actuais, lonxe de clixés, e de interese para os nenos e nenas”. O coordinador do EDLG do CEIP de Ventín agarda agora que a experiencia coñeza vindeiras edicións para seguir avanzando no obxectivo buscado, un desexo que reitera Javier Cacheiro, presidente da ANPA do mesmo colexio, organización que abrazou con ánimo o proxecto e estendeuno ás fins de semanas con novas actividades. As súas dúas fillas estaban ata o momento instaladas no castelán, malia falárenlles a nai e mais el sempre en galego. “Gustoulles moito a experiencia, volvían do colexio moi motivadas. Xerouse realmente un contorno que axudou a que falasen en galego, doutro xeito sería moi difícil”, confesa. Logo dos 21 días de compromiso lingüístico, a filla maior, alumna de 6º, decidiu que en diante seguirá na casa a expresarse en galego; a pequena dixo que vai pensalo. Un primeiro paso no ámbito familiar que, confía Javier, propicie máis adiante outros.
Avaliación científica dos resultados
O relato de Javier Cacheiro non é singular, ilustra Gabino Vázquez-Grandío: “Entre o alumnado, especialmente entre o maior, hai casos nos que o compromiso se tomou moi en serio, deixando entrever unha predisposición e un interese real en vivir o cambio lingüístico. Queda por ver o alcance de todo isto e os efectos a medio prazo”, indica o técnico do Seminario de Sociolingüística.
As conclusións que elaborará o Seminario basearanse, entre outros traballos, na análise dos datos de adhesión ao proxecto por aulas (os titores e titoras de cada clase foron convidados a exercer como representantes da RAG), das follas de seguimento que cubriu diariamente o alumnado autoavaliando o seu grao de cumprimento do compromiso; e dos diarios de campo dos monitores e monitoras das actividades extraescolares; e farase ademais unha enquisa entre o profesorado para coñecer polo miúdo as súas impresións.
A Real Academia Galega agarda que esta experiencia piloto e a súa avaliación sirvan para establecer un modelo de compromiso lingüístico na infancia replicable noutros concellos sen necesidade do acompañamento da institución. Os datos sobre a perda xeracional do galego xustifican a urxencia de apostar por estratexias deste tipo xunto a outro tipo de medidas. Segundo os estudos realizados pola institución no Concello de Ames, no municipio máis poboado do periurbano de Santiago de Compostela -e no que existen unhas dinámicas lingüísticas máis favorables para a lingua do país ca noutro contornos semellantes-, detéctase unha perda do 10 % de galegofalantes iniciais xa no primeiro contacto co medio educativo, na etapa infantil. Esta porcentaxe vai medrando nos sucesivos cambios de ciclo ata cifras extremadamente preocupantes: na secundaria só o 11 % do alumnado é galegofalante e outro 11% bilingüe, fronte a un 77 % de falantes habituais de castelán, a maioría deles monolingües.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Chaman a involucrar aos alumnos na infancia para que o 70 % non abandone o galego en Secundaria"
Nós Diario: "Modo galego, actívao! levou a lingua a 3.000 nenas e nenos"
Enfoques: "Los 21 días de 'Modo galego' en Ames finalizan con 'muy buen resultado'"