Solapas principales

A experiencia de inmersión lingüística “Modo galego, actívao!” continúa nos centros educativos amesáns

Viernes, 17 de mayo de 2024

O proxecto “Modo galego, actívao!”, unha experiencia de inmersión lingüística na que participan preto de 2.000 alumnos amesáns dos centros educativos de infantil e primaria, continúa coa posta en marcha do reto da inmersión lingüística, no que se propuxo aos nenos e nenas a empregar o galego polo menos durante tres semanas en todos os ámbitos da vida. Os principais obxectivos son a promoción e apoio do uso do galego na socialización da infancia, así como a asociación da lingua galega a actividades de lecer.

O reto da inmersión lingüística comezou o 13 de maio
O Seminario de Sociolingüística da RAG encárgase de novo do asesoramento e da posterior avaliación do proxecto, que ten na experiencia do compromiso coa inmersión lingüística un dos seus piares. Nesta ocasión a proposta que retou a máis de 2.000 nenos e nenas a empregar o galego polo menos durante tres semanas en todos os ámbitos da vida. Este reto estenderase ata o final do mes das Letras Galegas.

A idea inspírase en 21 días co galego, o programa posto en marcha pola profesora Pilar Ponte, pero coa particularidade de implicar por primeira vez, dende a súa estrea o curso pasado, as escolas dun mesmo concello a un tempo e estenderse a outras actividades educativas, complementarias e extraescolares de xestión local.

Programación de accións formativas
A experiencia de compromiso lingüístico, organizada polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames e a Real Academia Galega, comezou o pasado 6 de maio, cunha charla impartida por Manuel Núñez Singala ás educadoras e as familias da Escola Infantil Municipal A Madalena. Esta foi a primeira dunha serie de charlas informativas impartidas polo escritor, divulgador e director do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela. O día 7 estivo na Escola  Infantil Municipal O Bosque, e o 15 de maio impartiu unha sesión aberta a todas as familias e profesionais da educación de Ames na Casa da Cultura de Bertamiráns.

Nestas charlas compartiu coas persoas asistentes unha intervención na que incidiu no aproveitamento das posibilidades dunha comunidade bilingüe inserida nun mundo multilingüe, prestándolle especial atención á especificidade do traballo con nenos e nenas que están aprendendo a falar.

O programa incluiu ademais estratexias para promover o compromiso lingüístico non só do alumnado e do profesorado, senón tamén das familias e do monitorado dos servizos complementarios e outros traballadores e traballadoras dos centros educativos.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "O éxito da inmersión lingüística: 2.000 alumnos de Ames continúan a cumprir"

A experiencia de inmersión lingüística “Modo galego, actívao!” continúa nos centros educativos amesáns

Multimedia

  • A experiencia de inmersión lingüística “Modo galego, actívao!” continúa nos centros educativos amesáns
  • A experiencia de inmersión lingüística “Modo galego, actívao!” continúa nos centros educativos amesáns
  • A experiencia de inmersión lingüística “Modo galego, actívao!” continúa nos centros educativos amesáns
  • A experiencia de inmersión lingüística “Modo galego, actívao!” continúa nos centros educativos amesáns