Solapas principales

A exposición fotográfica “Memoria histórica. Covas en imaxes 1900-1980” estará dispoñible na Casa da Cultura de Bertamiráns ata o próximo 20 de marzo

Martes, 10 de marzo de 2020

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle ata o próximo 20 de marzo a exposición fotográfica “Memoria histórica. Covas en imaxes 1900-1980”. Con ela preténdese lembrar momentos, costumes e espazos que forman parte do pasado común de Ames, das aldeas e do conxunto de veciños e veciñas da parroquia, tanto das que son de aquí como de todas as persoas que decidiron instalarse e facer en vida en Covas. Está organizada pola Asociación veciñal de Covas, en colaboración co Concello de Ames.

Dende a Asociación veciñal de Covas, consideran que recuperar a memoria histórica é recoñecer o noso pasado como elemento fortalecedor da nosa identidade, por iso a mostra é de gran interese. Así, fainos lembrar tempos atrás, como eramos, como eran as nosas familias, como eran os torreiros, as leiras, a escola, a igrexa... Compartindo lembranzas e afianzando o futuro.

As imaxes que compoñen a exposición percorren un período de tempo de 80 anos, sendo as máis antigas do 1900 e as máis recentes do 1980. Nela pódense apreciar imaxes das familias Ruanova Carbia, García Castro, Pose Gutierrez, Lemos González, Fuentes Carballal, Rodríguez Lemos, Vázquez Noya, Martínez López, Barreiro Caxade, Viaño García e Lemos Martínez.

Un integrante da asociación de veciños, Paco Fuentes , explica que a exposición naceu como unha iniciativa da asociación para que “quedara algo para a xuventude e o día de mañá saiban como vivía a xente en anos atrás”. Ademais, explica que “ao primeiro, as familias víanse indecisas a entregalas porque non pensaron que ía ser así, pero unha vez vistas é diferente... agora temos moitas máis fotografías e se acordamos facer unha nova exposición con elas imos a facela a continuación desta”.

O concelleiro de Patrimonio Histórico, David Santomil, estivo cos integrantes da Asociación veciñal de Covas no momento da montaxe de dita exposición. O Concello de Ames colabora nesta mostra, que contribúe a recuperar e manter o patrimonio histórico de Ames, e en especial da parroquia de Covas. Dende a asociación agradecen a colaboración de todas as familias que cederon desinteresadamente un anaco das súas vivencias para compartilas con nós, pois sen todas elas non será posible esta exposición.

Exposición Memoria histórica. Covas en imaxes 1900-1980

Multimedia

  • Exposición Memoria histórica. Covas en imaxes 1900-1980
  • Exposición Memoria histórica. Covas en imaxes 1900-1980
  • Exposición Memoria histórica. Covas en imaxes 1900-1980