- Tematica
Co obxectivo de poñer ao alcance da veciñanza os mellores servizos de telecomunicacións dos que na actualidade dispón o mercado, Telefónica de España S.A.U. renova a rede de fibra óptica no municipio de Ames. As zonas rurais do Concello mellorarán considerablemente con este plan a súa conexión dixital. Calcúlase que unha vez realizado todo o proxecto, entre o 80 e o 90 por cento da poboación de Ames contará con tecnoloxía de fibra, o que permitirá dar un gran paso na equiparación da oferta dixital entre as zonas urbanas e as zonas rurais do Concello.
O rural de Ames de Ames mellorará a súa conexión dixital co novo Plan de Despregamento dunha rede de acceso de nova xeración mediante fibra óptica. Trátase dunha renovación da rede actual, polo que o novo tendido de cables de fibra óptica discorrerá en paralelo coa rede actual de cobre, e non será necesario proceder a realizar novos cruces aéreos u obra civil para o tendido dos novos cables.
O Plan ten previsto actuacións en A Ponte Maceira, Barouta, Casiñeiro do Lobo, Seares de Arriba, Ventín, Framil, Raices, As Buceleiras, Eira Pedriña, Firmistáns, Quistiáns, Capeáns, A Igrexa, Cantalarena, O pedregal, A Tarroeira, Ameixenda, Cortegada, Folgueira, Montemaior, Sura, O Vilar, A Garea, Arufe, Gasamáns, Novais, O Pazo, Piñor, A Ponte Nova, Sandar, O Mercuto, Quintáns, Lens e Miso.
Vantaxes da tecnoloxía de fibra
A tecnoloxía de fibra, tamén denominada FTTH (Fiber To The Home), conta con múltiples vantaxes. Posúe unha grande velocidade na transmisión de datos que pode chegar a acadar 1 Gigabait por segundo e recibir varias canles de Televisión e 3D simultaneamente. É a tecnoloxía ideal para os xogos online de última xeración e para os servizos de vídeo conferencia de alta cualidade. A súa capacidade e cualidade de transmisión é excelente debido a que o sinal é inmune a interferencias externas.
Cómpre salientar ademais que esta tecnoloxía ofrece unha maior seguridade na transmisión de datos e a capacidade de conectar varios dispositivos á vez (ordenadores persoais, consolas, televisión, etc) sen perder a velocidade nin a cualidade nas videoconferencias, na transmisión HD ou nos elementos de domótica.
Estudos previos
Previo ao inicio do Plan de Despregamento, o persoal técnico de Telefónica España realizou un anteproxecto do deseño da rede de alimentación e unha asignación de zonas a cubrir por cada unha das árbores de alimentación que parten da Central cabeceira. Unha vez identificadas estas zonas, realízase o estudo técnico de identificación das fincas incluídas en cada zona.
Asemade, está previsto solicitar a correspondente Licencia Municipal no caso que se detectase algunha obstrución que fixera necesaria a reparación da canalización existente pola que discorre a devandita rede. Do mesmo xeito, contarase coa Policía Local en caso de ser necesaria a súa colaboración á hora de traballar nalgún punto da vía pública especialmente delicado pola afección ao tráfico.
Entre o 80 e o 90 por cen do municipio contará con fibra óptica
En breve, comezarase coa solicitude dos permisos particulares, así como cos Estudos Técnicos de campo que permitirán redactar os proxectos que recolle a Rede de Distribución de fibra óptica que dará servizo a cada un dos veciños do municipio.
A tenor de despregues anteriores realizados en esta Comunidade Autónoma, e dependendo da consecución dos permisos, no período indicado poñerase en cobertura FTTH entre o 80 e o 90 por cen da poboación amesá.
O alcalde de Ames, Jose Miñones, mantivo na pasada semana unha xuntanza por video conferencia cos responsables de Telefónica para coñecer o detalle do despregue e solicitar o seu inicio canto antes. O rexedor amesán declara que “o Concello de Ames é coñecedor da situación actual e da fenda dixital que isto supón e que quedou de manifesto recentemente coa situación da pandemia. De aí que nos últimos meses se estivese falando con Telefónica para levar a cabo o antes posible a implantación da fibra no rural amesá e dar continuidade deste xeito ao proxecto iniciado hai un par de anos”.