- Tematica
A veciñanza, o tecido asociativo e o Concello ofrecen esta fin de semana varias actividades co gallo do Entroido. O sábado 26, o campo da festa de Bugallido, a praza Manuel Murguía do Milladoiro e a Casa da Cultura de Bertamiráns acollen as propostas da Asociación de Veciños San Pedro de Bugallido, da Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) e do programa municipal Amessan. O domingo 27 será a quenda da Asociación Cultural das Tres Aldeas, no centro sociocultural de Cruxeiras, mentres que o luns 28, XEA celebra outro evento na Praza da Maía de Bertamiráns.
Ames celebra o Entroido esta fin de semana con varias actividades no rural e nos núcleos urbanos. As propostas comezan o sábado 26 de febreiro en tres puntos distintos do concello. A Festa do Entroido do programa Amessan será a primeira en arrancar, ás 17:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Alí haberá premios para os mellores disfraces e música en directo a cargo de Ana Angueira. Ademais, o evento contará cun servizo de autobuses coas paradas habituais do Amessan, para o que se pode reservar praza ata mañá xoves 24, ás 14:00 horas, chamando aos números 662 377 044 ou 683 327 378.
Tamén ás 17:00 horas, na praza Manuel Murguía do Milladoiro, a Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) organiza un concurso de disfraces para nenos e nenas de ata 12 anos, no que haberá premios en metálico para grupos de máis de 8 crianzas e para grupos máis pequenos ou disfraces individuais. Para participar, cómpre inscribirse ata o 25 de febreiro enviando un correo ao enderezo xuntanzaempresariosames@gmail.com. As bases ao completo poden consultarse premendo nesta ligazón. O evento contará ademais coa actuación da charanga NBA.
A terceira proposta do sábado será a da Asociación de Veciños San Pedro de Bugallido, que a partir das 18:00 horas comeza as súas actividades no campo da festa de Bugallido. A parroquia contará con obradoiros infantís dende as 18:00 horas, animación dende as 19:00 horas con “Animus Disco Móviles”, e sesión de baile ás 21:00 horas co dúo “Eva e Camilo”. A festa contará con cantina, orellas, filloas e varios sorteos, e sorprenderá ás persoas asistentes coa queima dun meco.
Xa o domingo 27, será a quenda da Asociación Cultural das Tres Aldeas, da parroquia de Ames, que celebrará no centro sociocultural de Cruxeiras unha merenda de Entroido a partir das 17:00 horas. Haberá doces típicos do Entroido e servizo de bar, acompañados dun concurso de disfraces con categorías individuais, de parellas ou de grupos.
Por último, o luns 28, XEA organiza un novo evento en Bertamiráns, na praza da Maía, ás 17:00 horas. Nesta ocasión tratarase dun baile de disfraces, no que se repartirán premios a todas as persoas que asistan disfrazadas. A proposta contará coas actuacións da charanga "Os Celtas" e do dúo "Rubén e Sanela".
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Cinco fiestas de Entroido en las urbes y el rural desde este sábado al lunes"
La Voz de Galicia: "Ames contará con cinco citas con el entroido"
Enfoques: "Ames celebra el ‘Entroido’ con cinco propuestas en el rural y en los dos núcleos principales"
AMSGO!: "Fin de semana de Entroido en Ames"
Lindeiros: "Fin de semana de Entroido en Ames"