Solapas principales

A Foliada con Apego chega a Tapia este xoves 18 nos “Seráns de Ames”

Miércoles, 17 de agosto de 2022

Este xoves 18 de agosto a praia fluvial de Tapia acolle a penúltima proposta do programa “Seráns de Ames”, unha iniciativa cultural que se vén desenvolvendo ao longo de todas as tardes de xullo e agosto nas parroquias de Tapia e Bugallido. Nesta ocasión, ata a área recreativa chega unha nova edición da Foliada con Apego, dinamizada polos músicos Pablo Díaz e Olga Kirk e na que a música tradicional, o canto e o baile para todas as idades serán os protagonistas principais. A actividade, na que colaboran as Concellarías de Cultura e de Normalización Lingüística, terá lugar a partir das 19:30 horas. Premendo nesta ligazón pódese consultar o cartaz dos “Seráns de Ames”.

Volve unha edición máis da Foliada con Apego, unha actividade xa asentada no concello e chea de música para compartir, cantar, bailar, tocar, aprender cancións de noso e, sobre todo, pasalo moi ben. Nesta ocasión, e coincidindo coa última parada do ano dos “Seráns de Ames” na praia fluvial de Tapia, a actividade terá lugar este xoves 18, a partir das 19:30 horas.

A sesión estará dinamizada polos músicos Pablo Díaz e Olga Kirk, que convidan ás familias e ás crianzas a sumarse á actividade e introducirse no canto e no baile tradicional, mesmo levando algún instrumento para axudar a facer festa de xeito participativo e colaborativo.

As foliadas son un espazo interxeracional para coñecerse, cantar, bailar, compartir e aprender cancións galegas, co obxectivo de que a lingua e a cultura de noso se transmita de xeito natural e divertido.

Trátase da penúltima das oito propostas preparadas para todos os xoves de xullo e agosto cos “Seráns de Ames”, e da última que se desenvolve en Tapia. A semana que vén, o xoves 25 no campo da festa de Bugallido, poñerase fin ao programa cun espectáculo de maxia protagonizado por Dani Polo.

O programa Apego, actividades, formación e recursos para familias

O programa Apego vai dirixido a todas as familias de Ames que estean a esperar un bebé ou que xa o teñan con idade entre 0 e 6 anos. É un proxecto cooperativo de varios concellos para promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia a través de actividades e de recursos para facilitar e mellorar a crianza.

As familias interesadas poden sumarse ao programa poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Ames. Para ese primeiro contacto poden optar por diferentes vías: cubrir o formulario "Súmate ao Apego" na páxina web apego.gal, escribir a normalizacion@concellodeames.gal ou chamar ao teléfono 662 377 215.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Pablo Díaz e Olga Kirk levarán a Foliada con Apego ata Tapia este xoves"

Enfoques: "La Foliada do Apego con Pablo Díaz y Olga Kirk cierra este jueves los Seráns de Ames en Tapia"

A Foliada con Apego chega a Tapia este xoves 18 nos “Seráns de Ames”

Multimedia

  • A Foliada con Apego chega a Tapia este xoves 18 nos “Seráns de Ames”