- Tematica
Mañá, venres 28 de febreiro, a Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá, ás 20.00 horas, unha homenaxe poética e musical a Rosalía de Castro. O acto central da conmemoración do Día de Rosalía, cuxa entrada será libre e gratuíta ata completar aforo, contará con lecturas, dramatizacións, videocreacións e coa actuación musical de MJ Pérez. No acto participarán o alumnado dos centros escolares de Ames e representantes do ámbito cultural e asociativo. As persoas asistentes recibirán un agasallo.
A Gala de Rosalía de Castro, que está organizada en colaboración cos equipos de dinamización e normalización lingüística dos centros de ensino de Ames, será presentada pola xornalista de Ames Radio, Nazaret López.
O alumnado de todos os centros de ensino de Ames participará no evento con lecturas, dramatizacións e videocreacións de Rosalía. Ademais, contarase coa presenza na Gala da veciña de Ames, escritora e especialista rosaliana María López Sández, e co autor do manifesto da Asociación de escritores en lingua galega, Daniel Asorey.
Tamén participarán no evento o actor e veciño de Ames, Federico Pérez, representantes do club amesán FC Meigas, a profesora do CEP de Ventín, Mara Barral, e mailo alumnado do obradoiro de lingua e cultura organizado polo Concello de Ames.
A potente voz de MJ Pérez será a encargada de amenizar a Gala coa interpretación de varios dos seus temas, tanto ao inicio como ao final do evento. A cantante, que iniciou o seu percorrido en 2014, é unha das voces máis potentes do panorama actual da música galega. Xa suma tres discos: un auto-editado (Ollos que non ven, síntoma de cegueira) e dous auto-producidos (Guerrilleira e Casandra), e estivo presente tanto en festivais coma nos principais circuítos musicais de Galicia. Nuns días presentará o seu último disco A luz prendida. En febreiro de 2019, MJ fixo viral o seu tema Malaxente, unha particular versión do poema Castellanos de Castilla premiada na última edición dos premios Youtubeir@s.