- Tematica
A representación inaugural do programa cultural de Ames do primeiro semestre de ano é “Gloria Nacional”, unha comedia que conta a historia de Uxío Rodas, un escultor e pintor de gran repercusión no seu país ao que o seu presidente lle pide unha escultura monumental que represente á súa nación. Dirixida pola compañía Teatro do Noroeste, a representación terá lugar este venres 14 de xaneiro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. As entradas xa poden adquirirse na Billeteira electrónica do Concello de Ames.
“Gloria Nacional” relata a crise existencial e de creatividade do escultor e pintor Uxío Rodas, considerado un dos artistas máis importantes da súa xeración a nivel internacional. Xa cos 60 anos cumpridos, Rodas recibe o encargo de elaborar unha gran escultura monumental que represente á nación directamente do presidente do seu país, un antigo camarada seu transformado en político moderado.
A creación da obra, que en teoría será colocada na praza principal da capital, xera ao artista unha profunda crise creativa, derivada das dúbidas e do desencanto de Rodas cos conceptos e valores sociais da política, o país ou a nación, nos que xa non cre.
Este dilema moral fía o desenvolvemento da trama, que xira arredor de tres figuras protagonistas con perspectivas vitais e existenciais completamente diferentes. Ao longo da obra, Uxío Rodas debaterá de cultura, mercados, cultura e política coa súa representante, Carme Facal, e coa ministra de Cultura, Maribel Álvarez-Prieto. Mentres que Facal é unha galerista veterana que ten vivido todo tipo de experiencias, a ministra Álvarez-Prieto representa a xuventude executiva da nova realidade, sendo unha muller moi preparada e da á máis progresista do goberno de coalición do país.
Con esta proposta estrearase a programación de artes escénicas de Ames para o primeiro semestre de 2022, promovida pola Concellaría de Cultura en conxunto coa Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC). O itinerario inclúe un total de dezaseis representacións, distribuídas de maneira equitativa entre os auditorios das Casas da Cultura do Milladoiro e de Bertamiráns, con doce obras para o público adulto e outras catro para o infantil. O programa completo pode consultarse premendo nesta ligazón.
Venda de entradas e descontos
As entradas poden adquirirse por 5 euros a través da billeteira electrónica do Concello de Ames, ou ben unha hora antes do comezo do espectáculo na Casa da Cultura de Bertamiráns, no caso de que aínda estean dispoñibles. Haberá prezo reducido do 50% do custo ordinario para o estudantado con carné de estudante, as persoas maiores de 60 anos, a rapazada menor de 12 anos, as familias numerosas, a mocidade co carné xove e as persoas demandantes de emprego. Ademais, as persoas que mercaran os bonos cultura poderán acceder directamente á butaca que reservaran coa compra do pase.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Teatro en Bertamiráns con ‘Gloria nacional’ o venres"