Solapas principales

Guadi Galego chega a Bertamiráns este venres co seu novo proxecto “Síntese horizonte”

Miércoles, 07 de agosto de 2024

O vindeiro venres 9 de agosto, ás 22:00 horas, a cantante e música Guadi Galego ofrecerá un concerto no parque do Ameneiral, en Bertamiráns. Esta actuación, integrada na programación cultural do Concello de Ames, enmárcase na celebración das festas da Peregrina de Bertamiráns. A entrada será libre e de balde. O concerto está financiado pola Rede Cultural da Deputación da Coruña.

A celebración das festas da Peregrina en Bertamiráns continúa este venres, 9 de agosto, da man de Guadi Galego, unha das artistas máis relevantes da escena musical galega das últimas décadas. Así, a cantante de Cedeira actuará ás 22:00 horas no parque do Ameneiral, en Bertamiráns, onde presentará o seu novo espectáculo “Síntese horizonte”, expresamente concibido para representar ao vivo sobre as táboas do escenario.

“Síntese horizonte”: o poder transformador da música ao vivo
Este proxecto é unha aposta da propia Guadi Galego pola evolución do seu son, na que amosa todo aprendido e desaprendido ao longo da súa traxectoria musical.

Deste xeito, acompañada dunha portentosa banda e dunha produción que destaca pola súa coidada iluminación e posta e escena, confirmará o que o público desexa ver, sentir e escoitar: a firme crenza no poder transformador da música en directo.

Guadi Galego
A súa andaina musical comezou sendo ela moi nova, un camiño fíado especialmente a Berrogüeto como vocalista, pianista e gaiteira, e que, co tempo, deu paso a outros proxectos máis persoais, como Espido ou Nordestin@s.

No 2009 iniciou a súa carreira en solitario con Benzón, ao que lle seguiron éxitos como   Lúas de Outubro e Agosto,  Inmersión, Costuras ou, máis recentemente, Roibén, un LP que presentou en diferentes puntos da xeografía peninsular.

Logo de Roibén (2022) e dunha simbólica ausencia nos escenarios do país, Guadi Galego segue a atravesar etapas e dá paso a novos horizontes, sen esquecer que a vida existiu e persiste nela. Neste 2024 aposta pola evolución do seu son co proxecto “Síntese horizonte”, pois con cada disco, e con cada espectáculo, a artista foi aprendendo a desaprender do establecido.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Guadi Galego presentará este venres "Síntese horizonte" en Bertamiráns"

La Voz de Galicia: "Guadi Galego, la protagonista de la noche del viernes en Bertamiráns"

El Correo Gallego: "Guadi Galego xunta mil cinconcentas persoas no parque do Ameneiral"

 

Guadi Galego chega a Bertamiráns este venres co seu novo proxecto “Síntese horizonte”

Multimedia

  • Guadi Galego chega a Bertamiráns este venres co seu novo proxecto “Síntese horizonte”