- Tematica
Hoxe inaugúrase ás 20.30 horas no Pazo da Peregrina a exposición fotográfica “Sexual Revolution 2.2” de Juan Señorís. Organizada pola Concellaría de Cultura do Concello de Ames, estará dispoñible para a toda a veciñanza ata o vindeiro 30 de decembro.
“Sexual Revolution 2.2” é unha exposición fotográfica que esconde o seu contido en diversos paralelismos co seu nome. Primeiramente, porque se trata dunha exposición de fotografías de flores de plantas silvestres, as cales son os seus órganos sexuais. Outra delas é que as siglas do nome da exposición coinciden coas dos apelidos do propio autor da exposición: Juan Señorís Rodríguez. E xa por último, que se tratan de 22 fotografías, e de aí o por que do “2.2”.
Trátase dunha exposición fotográfica que xurdiu polo interese do autor en que a maioría das plantas silvestres son comestibles. “Comecei a facerlle fotos para identificalas e así saber se eran comestibles ou non e algunhas saíron de moi boa calidade” relata Juan Señorís. E engade que “moitos amigos, sobre todo aqueles que traballan con plantas, animáronme a publicalas, e de aí naceu a exposición”, explica Juan Señorís.
As fotografías estarán dispoñibles no Pazo da Peregrina de Bertamiráns para todo aquel que se encontre interesado nelas ata o 30 de decembro. Ademais, estarán acompañadas de diversos poemas de famosos artistas sobre a natureza e as súas peculiaridades, que se encontrarán a disposición de todos os asistentes para que os acompañen durante toda a exposición.