Solapas principales

Hoxe retómanse as sesións de contacontos para os máis pequenos nas bibliotecas municipais

Martes, 04 de febrero de 2025

Na tarde deste martes, 4 de febreiro, ás 17.30 horas e na biblioteca municipal de Bertamiráns, darán comezo as sesións de contacontos programadas para estes primeiros meses de 2025. A actividade, organizada polo departamento de Bibliotecas do Concello de Ames, está orientada para crianzas de 3 a 8 anos e ten como obxectivo fomentar o hábito da lectura entre os máis pequenos. Estas sesións, como vén sendo habitual, desenvolveranse nas bibliotecas do Milladoiro e Bertamiráns.

As sesións de contacontos para os máis pequenos volven ás bibliotecas municipais de Ames neste mes de febreiro, coas sesións que terán lugar desde hoxe ata o vindeiro xoves na biblioteca municipal de Bertamiráns. Esta iniciativa, xunto cos Encontros Literarios dirixidos cara o público adulto e que se celebran no Pazo da Peregrina, búscase fomentar o hábito da lectura, sobre todo en galego, entre a veciñanza de Ames e dar a coñecer novas obras e autores.

Deste xeito, na tarde deste martes, ás 17.30 horas, chegará a primeira sesión de “Contos para xogar”, que estarán en Bertamiráns ata este xoves. As sesións no Milladoiro levaranse a cabo desde o martes 11 ata o xoves 13 de febreiro. O prazo de inscricións para participar nos contacontos do Milladoiro está aberto ata o vindeiro 8 de febreiro.

Programación para os vindeiros meses
Deste xeito, a programación dos contacontos das bibliotecas municipais continuará nos vindeiros meses. En marzo será a quenda dos “Contos de granxa”, tendo lugar as sesións en Bertamiráns do 11 ao día 13, mentres que no Milladoiro serán desde o día 25 ata o 27. Lembrar que cada conto terá tres sesións ao mes en cada unha das bibliotecas municipais, sempre a partir das 17:30 horas.

Xa para o mes de abril, chegará a Ames o contacontos “Son, son… quen son?”, e estará en Bertamiráns do martes 1 ao xoves 3 e no Milladoiro do martes 22 ao xoves 24 de abril.

A última sesión da programación dos contacontos para estes primeiros neses do ano será no mes de maio con “Un conto para rir antes de durmir”, que se realizará en Bertamiráns do martes 13 ao xoves 15, e en Milladoiro do martes 20 ao xoves 22 de maio.

Inscricións
Os interesados en participar en calquera destas actividades deben anotarse previamente no prazo indicado, enviando un correo a biblioteca@concellodeames.gal no que se indique nome, apelidos e idade das crianzas que vaian acudir, e un teléfono de contacto. Así mesmo, tamén é posible inscribirse chamando ao teléfono 981 884 829 (para as sesións de Bertamiráns) ou ao 981 530 807 (para as sesións do Milladoiro).

Hoxe retómanse as sesións de contacontos para os máis pequenos nas bibliotecas municipais

Multimedia

  • "Contos para xogar" estará en Bertamiráns estes días
  • "Contos para xogar" estará en Milladoiro os vindeiros días 11, 12 e 13 de febreiro