Solapas principales

Hugo Novoa e Paula Blanco reciben o premio aos deportistas máis destacados de Ames na XV Gala do Deporte

Lunes, 19 de diciembre de 2022

Bertamiráns acolleu o pasado sábado, 17 de decembro, a décimo quinta Gala do Deporte do concello. O evento, que levaba dúas edicións sen celebrarse por mor da pandemia, reuniu a numerosos deportistas e clubs do concello. Hugo Novoa e Paula Blanco foron galardoados como deportistas máis destacados na categoría masculina e feminina, respectivamente, nun acto que contou con diversos espectáculos e unha actuación de breaking; e no que se tamén se homenaxeou á adestradora e veciña de Ames Estefanía Martínez. Premendo nesta ligazón pódese visualizar a galería de fotos da XV Gala do Deporte.

O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns logrou o cheo absoluto na celebración da última edición da Gala do Deporte de Ames, que foi presentada por Lorena Pose e Diego Viaño. A atleta Julia Vaquero Sousa, que ostenta o récord de España dos 5.000 metros en campo a través e ten disputado os Xogos Olímpicos de Atlanta e diversos campionatos europeos de cross, actuou como madriña do evento. Así mesmo, tamén participaron a concelleira de Deportes, Susana Señorís, e o alcalde de Ames, Blas García.

Os premios entregados foron os seguintes: deportista ou equipo máis destacado dun club de Ames, promesas masculina e feminina máis destacadas, club máis destacado de Ames, deportistas masculino e feminino máis destacados e galardón especial do público. Ademais, a realizóuselle unha homenaxe a Estefanía Martínez Figueroa, coñecida como Fani, adestradora de fútbol sala e veciña do concello que faleceu o pasado mes de setembro.

Por outra banda, o acto contou coas exhibicións de tres grupos de ximnasia rítmica das escolas deportivas, co espectáculo aéreo “Palabras invisibles”, da bailarina Raquel Oitavén, e coa actuación de breaking do primeiro club deportivo de Galicia que practica esta disciplina de baile, o C.D. da Rúa.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, aproveitou para felicitar aos premiados e agradeceu a implicación das familias dos deportistas e a labor de desempeñan os clubs do concello. “Noraboa a todos os premiados e premiadas, así como aos finalistas que tivemos nas distintas categorías, xa que sen o seu esforzo e traballo diario nos distintos deportes, esta gala non sería posible”, sinalou. “Grazas a todas as familias que traen aos seus pequenos e pequenas ás escolas deportivas municipais a coñecer e practicar as distintas disciplinas deportivas, aos monitores e monitoras, e aos clubs”.

Entrega de premios
Na categoría a mellor deportista/equipo dun club de Ames optaban ao premio o primeiro equipo do F.C. Meigas, o equipo infantil feminino do Basquet Ames 2021/2022 e Nuno Castro Albán, de Atletismo Millarraio, que foi quen se alzou finalmente co galardón. Ao longo da tempada 2022, Castro Albán foi subcampión galego sub16 de probas combinadas e obtivo o segundo posto no ránking galego de salto de lonxitude. Ademais, foi campión galego de lanzamento de xavelina e clasificouse para o campionato de España nesa mesma disciplina.

Polo seu lado, o tenista Saúl Berdullas, o atleta Nicolás Collazo, Atila Antelo, deportista de artes marciais e Lucas Castillo, xogador de squash, foron os finalistas do premio á promesa masculina máis destacada de Ames. Finalmente, fíxose co premio Atila Antelo, que foi campión do Open Mundial WAC en light contact, segundo no campionato de Europa de COMBAT JIU-JITSU en Barcelona, primeiro no Open Nacional kick boxing en Salamanca, segundo no Campionato de España de Boxeo Formas en Marín, campión Galego de Grappling e campión galego de kick boxing.

Na categoría da promesa feminina máis destacada figuraban tres finalistas, Antía Veiga, porteira, María Estévez, atleta, e Mara Prieto, xogadora de squash. Finalmente, logrou o premio María Estévez. Estévez foi campioa galega en Probas combinadas por equipos, e participou no Campionato de España sub16 ao aire libre en Avilés, nos 1.500 metros obstáculos. Así mesmo, foi seleccionada coa Selección Galega para o Campionato de España sub16 por federacións, tamén no 1.500 metros obastáculos. Tamén logrou ser a terceira clasificada sub16 no Campionato Galego de probas combinadas por equipos e no Campionato Galego sub14 por equipos en pista cuberta. Logrou, ademais, facerse coa vitoria na Milla Urbana de Ames na categoría sub16.

Os candidatos ao deportista máis destacado de Ames foron Borja Golán, xogador de squash, Hugo Novoa, futbolista, e Guillermo Carracedo, que practica paddle surf. O gañador foi Novoa, que é dianteiro no equipo R.B. Leipzig da primeira división alemá (Bundesliga), e disputou a Champions League. Trátase do xogador máis novo do seu equipo na Bundesliga, competición na que debutou esta temporada, marcando un gol aos tres minutos de entrar ao terreo de xogo. Así mesmo, no 2022 acadou o seu primeiro título profesional, gañando a Copa de Alemaña co Leipzig.

Na categoría de deportista feminina máis destacada foron finalistas as futbolistas Nuria Rábano e Yaiza Otero, e Paula Blanco, que practica taekwondo-do ITF e kick boxing. Fíxose co galardón Paula Blanco, que  logrou ser bicampeoa deste último no torneo de España 2021 e 2022, en pointfighting e light contact senior -55 quilos, campioa galega 2022 nesas mesmas modalidades e subcampioa en kicklight -60 quilos. Tamén logrou o bronce no Hungarian Kickboxing World Cup 2021. No referente a taekwondo-do, logrou clasificarse no Torneo Nacional Unificado 2022 -57 quilos, e gañou o Open Nacional FITE 2021 (no combate senior feminino -57 quilos).

Por outro lado, desvelouse tamén o gañador do premio especial do público, que tamén puido elixir ao seu deportista favorito a través dunha enquisa publicada na páxina web do Concello de Ames. Optaron ao galardón Hugo Novoa, Guillermo Carracedo, Borja Golán e Nuria Rábano. Nesta ocasión participaron na enquisa un total de 658 persoas, e Rábano resultou gañadora, acumulando un total de 246 votos.

Ao longo da gala tamén se fixo entrega dun premio ao club máis destacado de Ames, que recolleu Mª Purificación Cariñena Amigo, de Millarraio; así como outro galardón de recoñecemento especial que foi entregado polo alcalde de Ames, Blas García, e que recibiu Elvira Tresguerras, do club Atletismo Sar, que comezou a correr aos corenta anos e leva tres décadas no mundo do atletismo, tendo disputado máis de 900 carreiras.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "La Gala do Deporte de Ames reconoció la trayectoria de Hugo Novoa y Paula Blanco"

A gala encheu o auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns

Multimedia

  • Hugo Novoa e Paula Blanco reciben o premio aos deportistas máis destacados de Ames na XV Gala do Deporte
  • Hugo Novoa e Paula Blanco reciben o premio aos deportistas máis destacados de Ames na XV Gala do Deporte
  • Hugo Novoa e Paula Blanco reciben o premio aos deportistas máis destacados de Ames na XV Gala do Deporte
  • Hugo Novoa e Paula Blanco reciben o premio aos deportistas máis destacados de Ames na XV Gala do Deporte
  • Hugo Novoa e Paula Blanco reciben o premio aos deportistas máis destacados de Ames na XV Gala do Deporte
  • Hugo Novoa e Paula Blanco reciben o premio aos deportistas máis destacados de Ames na XV Gala do Deporte
  • Hugo Novoa e Paula Blanco reciben o premio aos deportistas máis destacados de Ames na XV Gala do Deporte
  • Hugo Novoa e Paula Blanco reciben o premio aos deportistas máis destacados de Ames na XV Gala do Deporte
  • Hugo Novoa e Paula Blanco reciben o premio aos deportistas máis destacados de Ames na XV Gala do Deporte
  • Embedded thumbnail for
  • Embedded thumbnail for