Solapas principales

Humor e lingua con “A parábola do angazo”, este venres 11 en Bertamiráns

Martes, 08 de febrero de 2022

“A parábola do angazo” é a terceira proposta de febreiro da programación de artes escénicas de Ames deste semestre, que terá lugar este venres 11, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Nesta peza, a compañía Talía Teatro conta, a través da comedia, a historia dun mozo dunha aldea galega que esquece a súa lingua ao emigrar uns meses a Castela. Partindo dunha lenda xa recollida polo Padre Sarmiento no século XVII, a obra busca mostrar a capacidade de resistencia do galego. As entradas están xa á venda na Billeteira electrónica do Concello de Ames.

“A parábola do angazo” é unha viaxe pola historia da nosa lingua e por algunhas das súas anécdotas máis significativas, fiada por unha coñecida lenda xa recollida polo Padre Sarmiento no século XVII. Este relato popular conta como un mozo dunha aldea esquece o galego ao emigrar uns poucos meses a Castela e volver posteriormente á súa terra.

A través do humor e do diálogo, os dous intérpretes unirán pasado, presente e futuro para demostrar que a lingua galega sobreviviu xa a moitas situacións adversas, e que aínda ten moito que dicir, invitando aos espectadores á reflexión e a ver perspectivas distintas sobre o estado do galego.

A obra foi estreada na 30º edición do FIOT Carballo, celebrado a finais de 2021, como parte da sección “Noites de Rúa Chea”. “A parábola do angazo” serve como peche dunha triloxía iniciada por “Bicos con lingua” (2003) e “Pelos na lingua” (2011), propostas anteriores da compañía.

O programa completo de cultura de Ames do primeiro semestre de 2022, elaborado pola Concellaría de Cultura en conxunto coa Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), pode consultarse ao completo premendo nesta ligazón.

Venda de entradas e descontos

As entradas poden adquirirse por 5 euros a través da billeteira electrónica do Concello de Ames, ou ben unha hora antes do comezo do espectáculo na Casa da Cultura de Bertamiráns, no caso de que aínda estean dispoñibles. Haberá prezo reducido do 50% do custo ordinario para o estudantado con carné de estudante, as persoas maiores de 60 anos, a rapazada menor de 12 anos, as familias numerosas, a mocidade co carné xove e as persoas demandantes de emprego. Ademais, as persoas que mercaran os bonos cultura poderán acceder directamente á butaca que reservaran coa compra do pase.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "‘A parábola do angazo’, ou a mistura da lingua co humor"

Lindeiros: "A parábola do angazo de Talía Teatro este venres en Ames"

Humor e lingua con “A parábola do angazo”, este venres 11 en Bertamiráns

Multimedia

  • Humor e lingua con “A parábola do angazo”, este venres 11 en Bertamiráns
  • Humor e lingua con “A parábola do angazo”, este venres 11 en Bertamiráns