“Querémoste seguro/a”. Unha charla sobre seguridade viaria dirixida ás persoas maiores porá o broche á III Semana de Mobilidade que se vén desenvolvendo en Ames desde o pasado xoves. Os locais sociais de A Ameixenda, Trasmonte e Bugallido e a Casa dos Maiores, do Milladoiro, acollerán hoxe e mañá esta actividade que impartirán os coordinadores de Educación Viaria de A Coruña. Para participar non é necesaria inscrición previa. A entrada é libre até completar aforo.
O martes, 21 de setembro serán o Local Social de A Ameixenda, entre as 17:00 e as 18:00 horas, e o Local Social de Trasmonte, entre as 18:30 e as 19:30, as sedes onde se impartirá esta charla que pretende renovar os coñecementos sobre educación viaria das persoas maiores do concello. O mércores, 22 de setembro, “Querémoste seguro” ofrecerase entre as 17:00 e as 18:00 no Local Social de Bugallido e entre As 18:30 e as 19:30 na Casa dos Maiores no Milladoiro.
“A charla ten como intención poñer ao día aos/ás condutores/as maiores sobre a nova normativa e incidir nas condutas e nos hábitos apropiados: “Ocorre ás veces que hai un desfase entre o período de aprendizaxe das persoas maiores e a normativa actual, por iso é importante repasar sinalización e limitacións de velocidade, ademais de facer patentes condutas erróneas que poden provocar situacións de perigo”, comentou na Radio Municipal, Rafael Araujo, Xefe de Sección de Seguridade Viaria da Xefatura de Tráfico de A Coruña, quen matizou que a charla, enfocada tanto a condutores como peóns, "pretende tamén dar respostas a preguntas como: porque lado da estrada hai que camiñar en zonas interurbanas, por onde non se debe cruzar ou que visibilidade mínima hai que ter para atravesar un camiño”.
Para a concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez, este é o mellor colofón que se lle podería dar aos actos da Semana da Mobilidade: "Moitas veces non temos en conta as persoas maiores que seguen actuando como condutores e como peóns. Ter a oportunidade de renovar coñecementos e poñerse ao día coas novas normas é algo que, sen dúbida, contribuirá á seguridade de todos e de todas".
As catro sesións das charlas “Querémoste seguro/a” coas que rematan as actividades da III Semana da Mobilidade serán impartidas polos coordinadores provinciais de Educación Viaria de A Coruña. Ao remate, repartiranse chalecos reflectores entre os/as asistentes.