Solapas principales

Impártense os últimos obradoiros do primeiro semestre do “Vives Emprende Ames 2019”

Sábado, 27 de abril de 2019

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, e a organización Acción contra a Fame, colaboran na posta en marcha do programa Vives Emprende, correspondente ao primeiro semestre deste ano, que asesora, forma e facilita o acceso a financiamento a persoas desempregadas ou con emprego precario que desexen emprender, especialmente a mulleres. A vindeira semana impártense os dous últimos obradoiros do semestre, que xirarán en torno ao comercio electrónico e á comunicación da empresa enfocada á venda dunha idea.

O programa “Vives Emprende Ames” é unha iniciativa gratuíta que ofrece asesoramento, formación e acceso a financiamento para facer realidade as ideas de negocio de persoas desempregadas ou con emprego precario de Ames, que desexen emprender como opción para mellorar a súa situación laboral de forma estable e duradeira. Así, a edición realizada ao longo do primeiro semestre deste ano consta de sete obradoiros impartidos ao longo do mes de abril, a través dos que se pretende poñer ao alcance dos participantes unha serie de ferramentas que lles permitan coñecer todo o necesario para emprender un negocio na rede de forma segura.

Neste senso, esta edición comezou cunha xornada de achegamento ás novidades laborais e ás axudas para emprender, á que seguiron sesións nas que se trataron cuestións como a análise da idea de negocio a través do xogo Lego para deseñar a súa proposta de valor, os estudos de mercado e clientela, plan de marketing e pricing ou estratexia para a fixación de prezo, e as competencias emprendedoras necesarias para poñer en marcha un negocio.

Obradoiros para os días 29 e 30 de abril
Así, o obradoiro do luns 29 xirará en torno ás redes sociais e ao comercio electrónico co obxectivo de darse a coñecer e comprender como se vende a través de Internet, mentres que o do martes 30 consistirá nun taller que terá como obxecto a comunicación da empresa, polo que se ofrecerán pautas para realizar unha presentación eficaz enfocada a vender unha idea. Para elo, seguirase o recurso do Elevator Pitch, que consiste en transmitir a idea do proxecto no que se está traballando no tempo que dura un viaxe de ascensor. Durante esta presentación no se busca vender unha idea, senón despertar un profundo interese no receptor para conseguir acceder a unha futura reunión na que se poida profundar de forma minuciosa en dito proxecto.

Estes talleres teórico/prácticos son impartidos nas instalacións do Centro multiusos de Aldea Nova, en horario de 9:30 a 13:30 horas. A técnica de emprendemento de Acción contra a Fame, Itziar Villar, é a encargada de coordinar ditos talleres e de impartir as asesorías individuais.

As persoas interesadas en participar en seguintes edicións poden contactar co departamento municipal de Promoción Económica, a través do enderezo promocioneconomica@concellodeames.gal, ou dirixíndose a Itziar Villar no correo ivillar@accioncontraelhambre.org ou no teléfono 689 869 465.

Impártense os últimos obradoiros do primeiro semestre do “Vives Emprende Ames 2019”