Solapas principales

Inaugurada a exposición Don Gaiferos polos camiños cara Compostela

Miércoles, 24 de marzo de 2021

Onte, 23 de marzo, inaugurouse ás 12.00 a exposición "Don Gaiferos polos camiños cara Compostela" na Casa da Cultura do Milladoiro. A mostra, organizada pola compañía compostelá Os monicreques de Kukas, estará aberta para todos os públicos en horario de 9.00 a 15.00 horas e de 16.00 a 22:00 horas até o venres, 26 de marzo. Á presentación, organizada polo O Concello de Ames, asistiron a concelleira de Cultura, Natividade González, a técnica do departamento de Cultura, María Vázquez, e os representantes da compañía Os Monicreques de Kukas, Marcelino de Santiago e Isabel Rey. Ademais, o 26 de marzo, a compañía poñerá en escena “Don Gaiferos”. A obra está dirixida a público familiar. As entradas xa están á venda na billeteira municipal.

Don Gaiferos de Mormaltán é o protagonista do romance popularizado por Faustino Santalices, quen narra a viaxe deste peregrino francés ata a súa morte aos pés do apóstolo Santiago.

A exposición conta coa instalación de marionetas de fíos e decorados da versión da obra "Don Gaiferos" estreada en 1992, sinalando o decorado do Pórtico de la Gloria, e deseños orixinais das diferentes versións da obra e planas orixinais do cómic editado no ano 1993.
A exposición estará aberta, ata o venres 26 de marzo, para todos os públicos nun horario de 9.00 a 15.00 horas e de 16.00 a 22:00 horas.

Isabel Rey, membro de Os Monicreques de Kukas, aseguro que "Don Gaiferos polos camiños cara Compostela" consta de varias actividades centradas entorno á figura Don Gaifero, unha personaxe popular. “Nós o tomamos como un símbolo do que sería a figura dun peregrino ao longo do tempo”, afirmou.

Natividade González, concelleira de Cultura, asegurou que: “É toda unha honra e un orgullo que Ames poida servir de escaparate para amosar o traballo de creadores tan importantes como Marcelino de Santiago Kukas. Estamos moi satisfeitos de que, ademais de poder representar a obra Don Gaiferos, unha das obras emblemáticas dramáticas do país, podamos mostrar estes elementos que son verdadeiras obras de arte”.

Ademais da representación teatral e da exposición, que estará por diferentes lugares de Galicia,  tamén se inclúe no proxecto a presentación e reedición dun cómic que se fixo en 1993. É unha actividade que ten un apoio do Xacobeo 2021 e da Deputación da Coruña.

Obra teatral
Ademais da exposición, a Concellaría de Cultura inclúe na súa programación a representación da obra de teatro infantil “Don Gaiferos”. O venres 26 de marzo, ás 18.00 horas, os nenos e nenas de Ames poderá desfrutar desta obra teatral na Casa da Cultura do Milladoiro. A peza, da man da compañía Os Monicreques de Kukas , mestura actores, monicreques e músicos que incorporan cancións do folclore galego ao romance popularizado. Xa se poden mercar as entradas na Billeteira electrónica. A entrada xeral ten un prezo de 4 euros, mentres que as entradas con prezo reducido custan 2 euros.

Inauguración exposición Don Gaiferos

Multimedia

  • Inauguración exposición Don Gaiferos
  • Inauguración exposición Don Gaiferos
  • Inauguración exposición Don Gaiferos
  • Inauguración exposición Don Gaiferos