- Tematica
O pasado venres, 6 de setembro, inaugurouse a exposición fotográfica “Ames Coopera”, que recolle diferentes fotografías das viaxes de cooperación realizadas por tres traballadores/as do Concello de Ames; Leonardo Pena, Sonia Moure e Alberto Viaño, a través das cales nos achegan as súas vivencias en Guatemala e Cabo Verde. Esta mostra estará na Casa da Cultura do Milladoiro ata o 15 de setembro, e do 18 ao 30 na Casa da Cultura de Bertamiráns. Os centros escolares que o soliciten tamén poderán contar con esta exposición nas súas instalacións.
A exposición fotográfica “Ames Coopera”, que recolle o traballo de cooperación feito polo Concello de Ames en diversos países, é unha pequena homenaxe á figura do cooperante. As fotografías desta mostra son unha mirada dende a cámara de Leo, Sonia e Alberto, traballadores e traballadoras do Concello, que nos achegan as súas vivencias en Guatemala e Cabo Verde; que nos transmite a súa experiencia, incrible e inesquecible, amosándonos a dureza de condicións nas que aínda viven millóns de persoas no mundo, deixándonos sentir as súas ganas de vivir.
No acto de inauguración estiveron os técnicos municipais Leonardo Pena e Alberto Viaño e maila técnica Sonia Moure. Os tres falaron das fotografías que fixeron durante as súas experiencias de colaboración en Guatemala e Cabo Verde. Ademais, en dito acto estivo a concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, e varios/as concelleiros/as da Corporación municipal. Luísa Feijóo destacou “o emotivo que foi o acto xa que Leo, Sonia e Alberto, a través das súas fotos e dos seus relatos, foron quen de achegamos as súas vivencias en Guatemala e Cabo Verde, e de transmitirnos as súas experiencias e os seus sentimentos”.
Esta mostra pretende ser unha pequena e humilde homenaxe a figura do cooperante: homes e mulleres que deixan os seus países de orixe, ou que usan as súas vacacións, como foron os casos de Leo, de Sonia e de Alberto, non para facer turismo, senón para traballar na construción dun mundo mellor, máis xusto, máis igualitario. A través das súas fotografías podemos ver a dureza de condicións nas que aínda viven millóns de persoas no mundo, e que reflicten ao mesmo tempo as súas ganas de vivir, a forza das súas mulleres, dos nenos e nenas, das súas miradas, do seu coraxe.
Luísa Feijóo indica que “esta mostra transmite unha morea de sentimentos encontrados: rabia, impotencia, ledicia, tristeza, felicidade, admiración, respecto, esperanza. Permitiranos descubrir lugares únicos no mundo, que nos levarán a imaxinar o que os levou a estas viaxes e que o final nos dará unha nova visión que pon fin a cooperación para dar paso a unha relación entre iguais”.
Experiencias de cooperación
Cómpre lembrar que o técnico de mediación intercultural, Leonardo Pena, estivo nos anos 2005 e 2006 no municipio de San Carlos Alzatate, de Guatemala, onde o Concello de Ames financiou con 9.000 euros a rehabilitación dunha céntrica rúa na cidade guatemalteca. Os traballos executados supuxeron unha mellora significativa nas infraestruturas da zona, nas que as choivas torrenciais dificultaban enormemente as comunicacións entre os núcleos de poboación.
Posteriormente, en 2016 a técnica de Turismo do Concello de Ames, Sonia Moure, estivo no arquipélago de Cabo Verde, para colaborar durante un mes cos parceiros do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Alí apoiou o impulso ao turismo comunitario da man da Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos, tarefa que a levou a visitar varias illas.
Ademais, en 2018 o técnico municipal de Deportes, Alberto Viaño, estivo 15 días en Tarrafal, para colaborar na posta en funcionamento dunhas escolas deportivas no municipio caboverdiano cun carácter social e con perspectiva de xénero. Esta colaboración xestionouse a través dun convenio asinado entre o Concello de Ames e a Cámara municipal de Tarrafal para establecer un programa de cooperación internacional entre ambos municipios. Dito convenio naceu despois de que a técnica municipal de Turismo de Ames participase no ano 2016 no programa “Vacacións con traballo”, do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, do que Ames forma parte.