Solapas principales

Inaugúrase no Pazo da Peregrina a exposición “O herbario de Rosalía”, que se poderá visitar ata o 2 de abril

Jueves, 16 de marzo de 2023

O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolleu esta mañá a inauguración da exposición “O herbario de Rosalía”, unha mostra de 50 láminas con imaxes de especies botánicas asociadas ás obras da escritora. Momentos antes de dita inauguración tivo lugar a plantación dunha camelia híbrida doada pola Fundación Rosalía de Castro, en memoria da figura da autora. Ao acto acudiron o alcalde de Ames, Blas García; o concelleiro de Turismo e Medio Ambiente, Manuel Lens; o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; e unha das coautoras do libro “O herbario de Rosalía”, María López Sández. A mostra poderá visitarse ata o día 2 de abril, de xoves a domingo.

Esta mañá presentouse no Pazo da Peregrina de Bertamiráns a exposición “O herbario de Rosalía”. A mostra, organizada polos departamentos de Turismo e Medio Ambiente en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro, fai unha recompilación das plantas que marcaron a obra da escritora galega, e xurdiu tras a investigación das profesoras María López Sández e María Isabel Fraga Vila e a publicación do seu libro “O herbario de Rosalía”, que contou tamén coa colaboración de Miguel Fraga Vila, que foi o responsable do tratamento fotográfico.

Na inauguración participou López Sández, unha das dúas académicas que constitúen o núcleo creador do proxecto, que navega entre a literatura e a botánica. Fíxoo acompañada polo alcalde de Ames, Blas García; o concelleiro de Turismo e Medio Ambiente, Manuel Lens; e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira. No acto tamén estiveron presentes algúns dos membros da Corporación municipal e Ramón Lorenzo, catedrático e membro da Fundación Rosalía de Castro que recibiu a medalla do Concello de Ames no ano 2021.

O concelleiro de Turismo e Medio Ambiente, Manuel Lens, explicou que “esta exposición estivo no xardín botánico de Madrid polo que é un luxo poder contar con ela en Ames. Soubemos da súa existencia nunha visita que fixemos á Casa de Rosalía de Castro e pensamos que podería ser moi interesante poder expoñela no noso concello. Polo que estivemos traballando para poder traela a Ames e aquí a temos para que todos os veciños e veciñas que así o desexen a poidan visitar no Pazo da Peregrina”.

O presidente de Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, agradeceu ao Concello “o seu rosalianismo” e sinalou que “dende que son presidente estivemos traballando a relación de Rosalía con Ames”. Así mesmo, aproveitou para felicitar a María López Sández e María Isabel e Miguel Fraga polo seu traballo, que cualificou de “interdisciplinario, combinando a literatura coa botánica, para crear esta auténtica marabilla”. “Para min isto ten un valor extraordinario e moita calidade, incluíndo tamén o traballo técnico e o filolóxico”, finalizou.

A coautora do libro O herbario de Rosalía, María López Sández, destacou que “para min é un pracer traer esta exposición ao concello no que vivo. Esta exposición foi inaugurada hai un ano no Real Xardín Botánico de Madrid. O segundo lugar onde estivo foi o edificio do vello cárcere de Lugo, un lugar especial tamén para min xa que Lugo é a cidade na que nacín. Agora chega aquí ao Pazo da Peregrina, un espazo Rosaliano porque as terras de Ames son terras tamén de Rosalía, por tanto o herbario tiña que estar aquí”.

María López Sández explicou que “a exposición está artellada en cinco seccións con seis paneis. Hai un panel introdutorio que se atopa na entrada e despois no primeiro andar pódense atopar as cinco seccións que compoñen o herbario que son Rosas; Herbiñas do campo florido e do camposanto; Árbores e outras flores; Plantas; e Especies comestibles. Na exposición hai un discurso paisaxístico ao longo dos seis paneis entre a paisaxe, Rosalía e a presenza existente na obra da propia autora. É un herbario literario non científico”.

Para rematar a rolda de intervencións, o alcalde de Ames, Blas García, destacou que “para nós é un orgullo poder desfrutar desta exposición. Queda claro o compromiso do Concello de Ames con Rosalía e coa Fundación. Rosalía tamén é nosa, e para Ames tamén é moi importante contar coa súa presenza nas nosas terras e que se siga reivindicando”. Así mesmo, volveu a agradecer o traballo das autoras da exposición e do persoal dos departamentos de Turismo e Medio Ambiente. Finalmente, trasladoulles aos membros da Corporación municipal presentes a súa intención de propoñer á autora como filla adoptiva do concello.

Antes da inauguración plantouse no xardín do pazo un exemplar da camelia híbrida Rosalía de Castro, obtida e nomeada en honra da insigne escritora polo viveirista portugués Alfredo Moreira Silva no ano 1968, e plantada nos xardíns da casa de Rosalía. A planta foi doada ao Concello de Ames.  

O herbario
O proxecto foi fraguado a partir do ano 2019, momento no que López Sández e Fraga Vila crearon un herbario físico inspirado na obra rosaliana, analizando previamente a creación literaria da autora para identificar a totalidade das plantas e flores mencionadas. Posteriormente, seguindo o ciclo anual e visitando os espazos que Rosalía mencionou nos seus textos, seleccionaron máis material: dende rosas ata herbas do cemiterio ou do campo, como homenaxe á flora humilde que está presente na obra de todos os autores do Romanticismo, incluída a propia Rosalía.

A exposición, que en Ames estará aberta ao público ata o domingo 2 de abril, estrutúrase en diversas seccións: rosas, herbiñas do campo florido, herbiñas do camposanto, árbores e outras flores, plantas e especies comestibles. En total, móstranse 50 láminas que van acompañados de paneis explicativos que relacionan cada apartado coa obra de Rosalía de Castro e poñen en valor o nexo que existe entre a súa literatura e a natureza.

Por outra banda, a mostra recolle tamén obxectos cedidos pola Casa-Museo Rosalía de Castro, como edicións dos libros da poeta. Así mesmo, no Pazo da Peregrina reprodúcese unha proxección audiovisual na que se inclúen os  150 pregos que compoñen o herbario na súa totalidade. Na entrada do espazo, os e as visitantes poderán ver tamén o mural “O xardín de Rosalía”, realizado durante as últimas semanas polos usuarios e usuarias das bibliotecas municipais de Ames.

Os días de apertura son os seguintes: 16, 17, 23, 24, 25, 26, 30 e 31 de marzo e 1 e 2 de abril. Os xoves e venres o horario será de 17:00 a 20:00 horas, e os sábados e domingos de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas. De luns a mércores o espazo permanecerá pechado.

Convite aos escolares
O Concello de Ames, a través da Aula da Natureza, tamén convidou aos centros escolares a realizar visitas guiadas pola exposición, de forma que os rapaces e rapazas poidan conxugar os coñecementos aprendidos sobre literatura, arte e coñecemento do medio. Así, mostraráselles a importancia que tiñan para Rosalía aspectos como a conservación do bosque autóctono, o valor das pequenas flores silvestres ou as técnicas de elaboración dun herbario. Ditas visitas terán unha duración de entre 30 e 45 minutos e adaptaranse ás idades dos participantes.

Novas relacionadas:

AMS GO!: "O Pazo da Peregrina expón 'O herbario de Rosalía'"

Inaugúrase no Pazo da Peregrina a exposición “O herbario de Rosalía”, que se poderá visitar ata o 2 de abril

Multimedia

  • Inaugúrase no Pazo da Peregrina a exposición “O herbario de Rosalía”, que se poderá visitar ata o 2 de abril
  • Inaugúrase no Pazo da Peregrina a exposición “O herbario de Rosalía”, que se poderá visitar ata o 2 de abril
  • Antes da inauguración plantouse no xardín do pazo un exemplar da camelia híbrida Rosalía de Castro
  • Antes da inauguración plantouse no xardín do pazo un exemplar da camelia híbrida Rosalía de Castro
  • Imaxe da exposición "O herbario de Rosalía"
  • Imaxe da exposición "O herbario de Rosalía"
  • Imaxe da exposición "O herbario de Rosalía"
  • Imaxe da exposición "O herbario de Rosalía"
  • Imaxe da exposición "O herbario de Rosalía"
  • Imaxe da exposición "O herbario de Rosalía"
  • Imaxe da exposición "O herbario de Rosalía"
  • Imaxe da exposición "O herbario de Rosalía"