Solapas principales

Inaugúrase "Terra de mulleres: as voces nos valos" cun roteiro que visita os tres murais situados na parroquia de Biduído

Martes, 09 de noviembre de 2021

Onte á tarde, a concelleira de Benestar e Igualdade, Luísa Feijóo, acompañada de veciños e veciñas da zona realizaron un pequeno roteiro para visitar os tres murais que conforman o proxecto: "Terra de mulleres: as voces nos valos". Os murais están situados no bar Guaraní  do campo da festa,  na parede dun garaxe do lugar de Raíces e nun valo, cedido por un veciño, na mesma aldea. Dúas das obras foron realizadas polas artistas arxentinas "Dúo Amazonas", coordinadas por 7H Cooperativa Cultural, e están inspiradas nas fotos e as lembranzas que aportaron veciños e veciñas da parroquia. O terceiro mural creouse a través dun obradoiro colaborativo no que participaron varias mulleres da zona. O proxecto naceu da proposta que as xentes do rural de Ames fixeron para os Orzamentos Participativos 2020.

A inspiración destas tres intervencións artísticas baséase nas fotos e nos recordos que aportaron os veciños e veciñas da parroquia de Biduído. Estas lembranzas foron postas en común e ampliadas nunha xuntanza coas concelleiras de Benestar e Igualdade, Luísa Feijóo, e de Economía e Facenda, Gemma Otero, que se desenvolveu nas vésperas de comezar a execución do proxecto.

En todo momento mantívose a intención de reflectir a esencia da vida no rural e especialmente as angueiras e sentires das mulleres que apontoaron a sociedade en momentos tan difíciles como a guerra e os anos da ditadura. Porén, priman os labores cotiás deses tempos e os espírito festivo da veciñanza.

O mural pintado no actual campo da festa, na parede do bar Guaraní, recolle unha escena festiva inspirada nas pandeireteiras. “É unha chiscadela ao vello campo da festa que estaba situado ao carón da egrexia, ás lembranzas que as protagonistas do mural compartiron con nós e coas artistas, as súas vivencias, ao baile entre mulleres”, manifesta a concelleira de Benestar e Igualdade, Luísa Feijóo quen engade que “ O mural, integrado no medio,  aproveita as características da fachada para trasladarnos, cunha mirada furtiva, a unha escena que se está desenvolvendo no interior da vivenda”.

O traballo debuxado sobre a parede dun garaxe do lugar de Raíces reflicte unha escena da vida cotiá da aldea “Este mural recolle os traballos do campo e suxire esa realidade de que as mulleres do rural nunca remataban a súa xornada: traballaban nas hortas, na casa e coidaban dos nenos e dos maiores”, comenta a concelleira.

O terceiro mural, situado sobre un valo cedido por un veciño da mesma aldea de Raíces, amosa diferentes oficios das mulleres da zona. Concretamente, están representadas a peixeira, a greleira e a leiteira. Na execución deste último mural colaboraron varias mulleres e algún home da zona. A coordinación correu a cargo de "7H Cooperativa Cultural", empresa que dirixiu todo o proxecto.

A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Luísa Feijóo cualifica este traballo de “fermoso proxecto que pon en valor as nosas mulleres do rural, os oficios que desempeñaban na zona, os oficios de agora e de sempre; oficios moitas veces invisibilizados, pouco recoñecidos e esquecidos como o das leiteiras, as greleiras, as peixeiras, as xornaleiras e as muiñeiras, en definitiva ás mulleres  que ademais de tódolos traballos que realizaban, aínda tiñan tempo para amenizar as reunión veciñais, como é o caso das pandeireiteiras”

Luísa Feijóo engade que “este é un proxecto colectivo e colaborativo e destaca a ampla participación veciñal e, especialmente, a implicación que amosaron aportando as súas fotos, as súas lembranzas e as súas vivencias que quedan reflectidos nestes 3 magníficos murais”. “É unha gran satisfacción ver a tantas persoas implicadas nun proxecto común -engade Feijóo- ver o orgullosas que estaban mostrando o mural colaborativo e explicando o que fixera cada quen e, sobre todo, emociona ver a diferentes xeracións compartindo e sentíndose parte das obras”.

Os murais, que forman parte do Proxecto de Orzamentos Participativos 2020, poderán ser contemplados por calquera persoa que se achegue a Biduído e constituirán por si mesmos o obxectivo dun roteiro que ofrece, ademais de arte ao aire libre, unha importante beleza patrimonial e paisaxística.

Ademais, con estes murais de gran tamaño, o rural de Ames entra a formar parte da xeira de exposicións de arte urbana que xa ten os seus expoñentes en paredes da Casa da Cultura e do IES do Milladoiro e na Casa de Barbazán de Bertamiráns.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Tres murales al servicio de la mujer del rural"

AMSGO!: "Biduído reconstrúe a súa historia a través da arte urbana"

Terra de mulleres: as voces nos valos

Multimedia

  • Terra de mulleres: as voces nos valos
  • Terra de mulleres: as voces nos valos
  • Terra de mulleres: as voces nos valos
  • Terra de mulleres: as voces nos valos
  • Terra de mulleres: as voces nos valos
  • Terra de mulleres: as voces nos valos
  • Terra de mulleres: as voces nos valos