Solapas principales

A información do Orzamento 2021 xa está dispoñible no portal da Transparencia da web municipal

Miércoles, 05 de mayo de 2021

O Pleno do Concello de Ames, na sesión extraordinaria e urxente celebrada o 20 de abril de 2021, aprobou con carácter definitivo o Orzamento Xeral do Concello para o exercicio 2021, que se publicou no Boletín Oficial da Provincia da Coruña o 27 de abril de 2021. O orzamento municipal de 2021 ascende á cifra de 29.888.000 euros, incrementando en 2.518.000 euros (9,20%) respecto do presuposto de 2020. Recolle un forte compromiso en servizos básicos cunha partida para o novo contrato de limpeza viaria; e un incremento de crédito para as áreas de educación e servizos sociais, así como unha forte aposta polo investimento público. O expediente completo coa información orzamentaria de 2021 xa pode ser consultada no Portal da Transparencia da web municipal.

As principais áreas de gasto son servizos básicos (benestar comunitario) con 6.798.632,18 euros (22,75%); educación e conciliación con 5.565.436,51 euros (18,62%); servizos sociais con 2.595.160,44 euros (8,68%); urbanismo con 2.520.425,44 euros (8,43%); e administración xeral con 2.014.715,17 euros (6,74%). Estas cinco áreas supoñen o 65,22% do orzamento, amosando o forte compromiso polos servizos públicos. A sexta área en importancia dentro do orzamento é a de cultura e mocidade cunha partida de 1.438.918,36 euros (4,81%), seguida da área de seguridade e mobilidade con 1.348.412,80 euros (4,51%). De seguido, están as áreas de política económica e fiscal con 1.311.186,78 euros (4,39%) e maila área de deportes cunha partida de 1.197.481,97 euros (4,01%).

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, destaca que “estamos moi contentos de poder dispor xa do Orzamento Municipal 2021, que é a principal ferramenta de xestión para poder desenvolver as nosas políticas. Toca seguir traballando e afrontar os investimentos e actuacións previstas neste Orzamento Municipal que acada a maior cifra na historia de Ames achegándose a preto dos 30.000.000 euros”.

Toda a documentación do expediente de Orzamentos 2021 xa se pode consultar no Portal da Transparencia da web municipal. Deste xeito, pódense consultar as bases de execución, os anexos de investimentos, beneficios fiscais, convenios sociais, informe sobre a débeda, os informes de estabilidade orzamentaria e económico – financeiro, o resumo de ingresos e gastos, a memoria de Alcaldía, os anexos de persoal e maila proposta de aprobación, entre outra documentación.

O alcalde de Ames, Blas García, destaca “a estabilidade deste Goberno municipal que foi capaz de aprobar cinco orzamentos de forma consecutiva. Seguimos apostado polos/as cidadáns de Ames. Isto demóstrase coa forte aposta que se fai polos programas de educación/conciliación e servizos sociais, cun investimento aproximado de 250 euros por habitante a través destas dúas áreas”.

O Orzamento de 2021 recolle un importante reforzo da área de servizos básicos (benestar comunitario). Esta área contará cun crédito total de 6.798.000 euros, incrementando en 1.243.000 euros, nun 22,38%, o crédito asignado respecto do Orzamento de 2020. Esta segue sendo a primeira área en importancia dentro do total do Orzamento Municipal representando un 22,75%. Dentro de dita área recóllense partidas para novas actuacións e investimentos en alcantarillado; abastecemento; para o novo contrato de limpeza viaria con ampliacións de zonas e frecuencias; para a recollida e tratamento de residuos; para o plan de limpeza no rural; e para a mellora da eficiencia enerxética na iluminación do rural do concello de Ames.

Ademais, increméntase o crédito na área de educación, que contará cunha partida de 5.565.000 euros, incrementando en 748.000 euros (15,53%) respecto do ano 2020. A área de educación segue a ser a segunda en importancia no tocante ao crédito dentro do orzamento cun 18,62% de porcentaxe respecto do total do orzamento 2021. Dentro de dita área recóllense actuacións de ampliación, mellora e reforzo dos servizos de conciliación e incremento do crédito asociado ao servizo de comedores, que xa acada os 1.119.000 euros, un novo plan de mantemento de centros cun crédito de 85.000 euros e outras actuacións de reforzo.

A terceira área en importancia dentro do Orzamento de 2021 é a de servizos sociais, que representa un 8,68% do total. Deste xeito, apóstase pola blindaxe da área social cun crédito asignado de 2.595.000 euros (8,68%). Increméntase o crédito en 360.000 euros (16,10%) respecto do Orzamento de 2020. Dentro de dita área increméntase con 230.000 euros a Renda social municipal e axudas de emerxencia. Ademais, amplíase en 11.119 horas máis ao ano a prestación do programa de Axuda no Fogar, ampliando o crédito para dito servizo en 193.000 euros. Tamén se amplía o crédito para reforzar os diferentes programas de servizos sociais: Amessán, Sanauga, transporte adaptado, actividades para os maiores, etc. Cómpre destacar que se vai habilitar unha partida de 94.113,67 euros para a rehabilitación dun edificio público como vivenda social. Esta actuación enmárcase dentro da EDUSI Impulsa Ames.

Orzamento que reforza o emprego público
Por outra banda, trátase dun orzamento que segundo o Goberno municipal apuntala e reforza o emprego público, acadando o crédito asignado ao Capítulo I, de Persoal, a cifra de 9.331.000 euros, representando o 31,22% do orzamento municipal, incrementando a cifra en 455.000 euros (5,12%) respecto do anterior presuposto.

Ademais, refórzanse a contratación en áreas básicas como son a área Económica, coa contratación dun adxunto/a de intervención; a área de Promoción Económica coa contratación dunha auxiliar e unha administrativa de apoio para a tramitación das axudas e subvencións asociadas ao Plan de Reactivación e ao PEL Reactiva; e maila área de Servizos Sociais coa contratación de un/unha auxiliar administrativo/a e dous/dúas asistentes/as sociais para reforzo do departamento e tramitación das axudas sociais. Inclúese nesta área 15.000 euros para desenvolver un Plan de formación, e 30.000 euros para as adecuacións retributivas da segunda fase de negociación da RPT.

Forte inxección de fondos públicos en investimentos
O Goberno municipal tamén destaca que se vai facer unha forte inxección de fondos públicos en investimentos (Capítulo VI) que conta cun crédito de 6.164.000 euros, a maior cifra de investimentos dos últimos 10 anos, incrementando en 1.050.000 euros nun 20,54% respecto do exercicio 2020. Nestas partida de investimentos inclúense importantes actuacións previstas na EDUSI Impulsa Ames por importe de 1.802.000 euros en diferentes áreas: Urbanismo con 839.000 euros para a creación da améndoa central en Bertamiráns; Servizos sociais co deseño e implantación dun programa de inserción de colectivos e a rehabilitación dun edificio público como vivenda social con 94.000 euros; e Transporte urbano coa posta en marcha dun transporte municipal sostible cun crédito de preto de 650.000 euros.

Inclúese tamén os investimentos incluídos no POS+2021, por importe de 1.168.000 euros, no que se inclúen varias obras nas áreas de Vías públicas, Deportes, Estradas, Camiños veciñais e Cultura.

Tamén cómpre destacar fortes investimentos na área de pavimentación e vías públicas; melloras en accesibilidade; cambio de todo o alumeado público do rural cun investimento neste ano de 1.156.000 euros; dotación de mobiliario para o Coworking “A Proa”; reforma do Centro de formación ocupacional; ampliación de instalacións deportivas no pavillón de Bertamiráns, cun crédito de 215.000 euros; e outras instalacións deportivas; obras en camiños veciñais; actuacións tamén na área de Administración Xeral (dixitalización do arquivo do departamento de Urbanismo) e patrimonio municipal, con obras de acondicionamento e reforzo de locais; e actualización do inventario municipal.

Por último, hai que salientar o reforzo, mellora e ampliación dos servizos nas distintas áreas cunha dotación no Capítulo II, que acada os 12.840.000 euros, representando un 42,96% do total do orzamento municipal, incrementando en 817.900€ (6,80%) respecto do orzamento 2020.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Prevén vivienda social gracias al subidón presupuestario del 9,2 %"

Casa do Concello.