- Tematica
O Concello de Ames vén de iniciar os trámites para a realización dun proxecto de humanización da avenida de Rosalía de Castro (N-550), no núcleo urbano do Milladoiro. Ditos traballos foron contratados á empresa INOR (Ingeniería del Noroeste) de Santiago de Compostela. Esta empresa foi a que presentou a mellor oferta económica entre as tres propostas solicitadas pola Concellaría de Urbanismo no pasado mes de decembro.
O alcalde de Ames e concelleiro de Urbanismo, Jose Miñones, e maila arquitecta municipal, reuníronse a pasada semana cos representantes da empresa para planificar os traballos a realizar nas vindeiras semanas. Ditos traballos consistirán na realización de estudios topográficos e de medición da avenida actual, nun tramo de 1,3 quilómetros, desde a rotonda de entrada ao Milladoiro, situada no municipio de Santiago, ata a de saída, situada no municipio de Teo. Os traballos a realizar durarán 3 ou 4 semanas e iniciaranse unha vez sexa autorizado polo Ministerio de Fomento.
Na xuntanza realizada tamén se falou sobre as diferentes alternativas que desde a Enxeñería estanse a estudar e que irán compaxinadas cos estudios do Plan de mobilidade que se atopa a piques de iniciar a súa redacción. O alcalde e a arquitecta municipal coincidiron en solicitarlle á empresa a realización de propostas alternativas antes da realización do proxecto definitivo. O Concello trasladará a INOR toda a documentación municipal sobre os diferentes servizos que pasan pola avenida, tanto no referente a saneamento como abastecemento. Igualmente poñeranse en contacto coas empresas de gas, luz e telefonía, de cara a estudar conxuntamente a situación actual da vía.
O obxectivo do Goberno municipal é ter un proxecto detallado de humanización da N-550, ao seu paso polo Milladoiro, para presentarllo ao Ministerio de Fomento para que se encargue do estudo de construción. Desde o Concello dáse este paso para axilizar os trámites da humanización desta arteria principal do Milladoiro, tal e como acordaron todos os grupos municipais da Corporación, xunto coa Plataforma de veciños da N550, no pasado ano 2018.
O alcalde sinala “a importancia deste estudo de cara a contar por primeira vez cunha estimación económica do custe que suporá humanizar a avenida de Rosalía der Castro e poder darlle ao Milladoiro un espazo prioritario para o lecer sobre o vehículo”.
O Goberno municipal mantivo unha conversación telefónica con responsables do Ministerio de Fomento no pasado mes de marzo de 2020, antes do inicio da pandemia da Covid, co obxectivo de comezar a falar sobre a transferencia da avenida de Rosalía de Castro ao Concello de Ames. O Goberno local quere que esta avenida pase a ser de titularidade municipal, do mesmo xeito que acontece coa avenida da Maía, arteria principal de Bertamiráns, e que recentemente pasou a ser de titularidade municipal. De igual xeito que aconteceu coa Xunta de Galicia, o Concello quere que Fomento asuma o custe da obra necesaria previa á transferencia desta vía, para posteriormente pasar a ser xestionada polo Concello directamente.
Desvío de tráfico pesado
Máis de 200.000 vehículos pesados de máis de 30 toneladas xa non atravesan a avenida de Rosalía de Castro desde que en xaneiro de 2019 se conseguise o desvío obrigatorio a través da autovía de Santiago-Brión polo desvío de Pardiñas. Cúmprense así dous anos de dito logro que entre o Concello de Ames e a plataforma veciñal conseguiron despois de varios anos de reclamacións que tiveron un impulso nos anos 2017 e 2018.
Igualmente, en febreiro de 2019 realizáronse as obras de ampliación da rotonda das Galanas de cara a permitir o xiro dos camións de alto tonelaxe e evitar así os problemas de acceso ao desvío obrigatorio polo núcleo do Milladoiro. Esta obra era unha reivindicación que desde o Concello de Ames estívose realizando de cara a conseguir unha mellor fluidez do tráfico.
Desde o Concello infórmase que o Plan de mobilidade (PEMUS), que se licitou no segundo semestre do ano pasado, está a piques de ser adxudicado. Ao longo do mes de febreiro realizarase unha xuntanza para dar inicio aos traballos de redacción. Unha das prioridades para o Goberno municipal de Ames é acadar un estudio sobre o tráfico existente na actualidade na N-550, aos eu paso polo Milladoiro, para ter coñecemento dos vehículos que circulan por dita vía para ir a outros lugares e cantos a usan internamente para movementos interiores polo Milladoiro. Dita información será clave nos traballos a realizar nos estudios de humanización da avenida de Rosalía de Castro.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia:"Ames inicia los estudios del proyecto de humanización de la N-550 a su paso por O Milladoiro"
El Correo Gallego: "Preparan a humanización da Avenida Rosalía de Castro en O Milladoiro "