- Tematica
Esta semana o alcalde de Ames, Jose Miñones, e maila concelleira de Deportes, Susana Señorís, asinaron o contrato cos representantes da empresa Dosvalor Consultoría SL, para a elaboración dun estudo de viabilidade do contrato de concesión de obra dun complexo deportivo con piscina climatizada e outros servizos complementarios no Milladoiro. Ademais, tamén se asinou o contrato co arquitecto, Pablo Fernández Villamarín, para a realización do anteproxecto de construción e explotación de dito complexo deportivo. Desde o goberno municipal adiántase que no ano 2021 o Concello disporá do estudo de viabilidade, anteproxecto e pregos de licitación necesarios, para buscar a fórmula de investimento e o financiamento para o complexo deportivo do Milladoiro.
O Goberno municipal ten comprometido no seu programa levar a cabo un estudo de viabilidade para a construción dun complexo deportivo con piscina cuberta climatizada no Milladoiro coa intención de levar a cabo a construción de dito complexo deportivo. O plan de traballo que se está levando a cabo é a contratación, por un lado, de dito estudo de viabilidade, e por outra, a redacción dun anteproxecto, de xeito que ambas tarefas se desenvolvan ao mesmo tempo.
O estudio de viabilidade non só permitirá coñecer a fórmula de xestión e demanda de dita instalación, senón que ademais vai proxectar as dimensións e características que debería ter esta infraestrutura. De xeito conxunto tamén se levará a cabo un estudo de explotación e sistema de concesión da instalación. O anteproxecto busca traballar sobre o deseño interior e exterior da infraestrutura e as necesidades administrativas e urbanísticas da parcela onde se vai executar o complexo deportivo.
O Goberno municipal elixiu a parcela da rúa Agro do Medio, que está contigua ao novo centro de saúde do Milladoiro, e que é de propiedade municipal. Está parcela está designada para equipamentos dentro do sector S-15 e conta cunha superficie de 3.700 metros cadrados.
Desde o goberno municipal adiántase que no ano 2021 o Concello disporá do estudo de viabilidade, anteproxecto e pregos necesarios, de cara a buscar a fórmula de investimento e o financiamento correspondente para o complexo deportivo do Milladoiro. Deste xeito, prevese que en tres meses se coñeza xa a viabilidade do proxecto, que está deseñado para a construción dun complexo de salas de actividades, ximnasio e piscina que pasaría a ser o segundo do concello.
Na actualidade o Concello de Ames ten unha ratio de 0,0098 metros cadrados de piscina por habitante, situándose no posto número 13 entre os concellos de entre 20.000 e 40.000 habitantes con piscina climatizada. Coa posta en funcionamento desta segunda infraestrutura a ratio elevaríase ata o 0,0197 e Ames situaríase no posto número 6, despois de Arteixo, Oleiros, Redondela, Culleredo e Carballo. Isto supón o primeiro paso necesario para que O Milladoiro dispoña desta desexada infraestrutura e un dos investimentos máis importantes que no futuro afronte o Concello.
Adxudicación do anteproxecto e estudo de viabilidade
Deste xeito, vén de adxudicárselle á empresa Dosvalor Consultoría SL, o estudo de viabilidade do contrato de concesión de obra dun complexo deportivo con piscina climatizada e outros servizos complementarios no Milladoiro. A través de dito estudo vanse definir as características esenciais do complexo deportivo do Milladoiro. Tamén recollerá unha previsión sobre a demanda de uso e incidencia económica e social da obra na súa área de influencia e sobre a rendibilidade da concesión.
Ademais, recollerá información sobre o importe do investimento para realizar; o sistema de financiamento proposto para a construción das obras coa xustificación da procedencia desta; valor actual neto de todos os investimentos, custos e ingresos do concesionario, a efectos da avaliación do risco operacional, así como os criterios que sexan precisos para valorar a taxa de desconto.
Por outra banda, tamén se lle adxudicou ao arquitecto, Pablo Fernández Villamarín, o contrato para realizar o anteproxecto de construción e explotación das obras do devandito complexo deportivo. O anteproxecto deberá conter unha memoria na que se expoñerán as necesidades para satisfacer, os factores sociais, técnicos, económicos, ambientais e administrativos considerados para atender o obxectivo fixado e a xustificación da solución que se propón. A memoria acompañarase dos datos e cálculos básicos correspondentes.
Tamén se deberán achegar os planos de situación xerais e de conxunto necesarios para a definición das obras; un orzamento que comprenda os gastos de execución das obras, incluído o custo das expropiacións que houbese que levar a cabo, partindo das correspondentes medicións aproximadas e valoracións; e un estudo relativo ao réxime de utilización e explotación das obras, con indicación da súa forma de financiamento e do réxime de tarifas que rexerá na concesión, incluíndo, no seu caso, a incidencia ou contribución nestas dos rendementos que puidesen corresponder á zona de explotación comercial.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Planean la climatizada junto al nuevo centro de salud de Milladoiro"
La Voz de Galicia: "Ames encarga un estudio de viabilidad para la piscina cubierta en Agro do Medio"