Solapas principales

A iniciativa solidaria “Painting for Others” achégase a Ames coa Oficina de Voluntariado e a ONG Cooperación Internacional

Jueves, 21 de julio de 2022

O proxecto solidario da organización Cooperación Internacional, “Painting for Others”, achegouse a Ames da man da Oficina de Voluntariado para rehabilitar vivendas de persoas con menos recursos. Na iniciativa, coa que xa se pintou o fogar dunha familia amesá, mozos e mozas voluntarias pintan no seu tempo libre as paredes de casas en estado de precariedade, á vez que gañan consciencia sobre  as dificultades de persoas da súa contorna, aportando mans de pintura, calidez e proximidade.

A Oficina de Voluntariado de Ames sumouse recentemente ao proxecto solidario “Painting for Others”, nado hai máis de 20 anos na cidade de Sevilla e que promove a ONG Cooperación Internacional. Ter unha vivenda digna é un dereito e afecta de xeito moi importante á calidade de vida das persoas. Con este fin ponse en marcha esta iniciativa, que busca rehabilitar os fogares de persoas con menos recursos co traballo e a implicación dos voluntarios e voluntarias.

O labor principal consiste no pintado e na limpeza de paredes, para a que as persoas voluntarias reciben unhas sesións de formación que lles permitan axudar do mellor xeito ás necesidades das persoas. Ao mesmo tempo, búscase sensibilizar sobre as condicións de vida e as dificultades as que se enfrontan persoas da súa contorna, e contribuír á vez ao estado de ánimo destas familias ou persoas soas, que reciben das voluntarias e voluntarios un trato próximo e cálido.

Polo momento, o proxecto “Painting for Others” actuou sobre unha vivenda dunha familia amesá, na que se pintaron e adecentaron as paredes, e outros seis fogares xa foron propostos para sumarse á iniciativa. “Estamos encantados de que unha iniciativa solidaria tan potente e tan enriquecedora para todas as partes se poida facer en Ames e se asente como programa importante dentro da nosa acción voluntaria”, indicou o coordinador da Oficina de Voluntariado de Ames, Rubén Ramos.

Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, Luisa Feijóo, destacou o traballo de “dignificación e sensibilización” deste proxecto. “Agradecemos enormemente a este grupo de voluntarias e voluntarios o traballo que están a facer no noso concello, mellorando a calidade de vida destas familias que aparte de ter escasos recursos teñen outras problemáticas asociadas. Non se trata só de pintar, senón que a rehabilitación vai da man da compañía e da alegría que levan a estes domicilios os días que van pintar. Ademais á vez trabállase na sensibilización, xa que estes mozos e mozas son conscientes das dificultades que atravesan moitas familias da súa contorna”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Painting for Others rehabilita vivendas de forma solidaria"

AMSGO!: "“Painting for Others” amosa a realidade da xente sen recursos a voluntarios que axudan pintando as casas de xeito solidario"

A iniciativa solidaria “Painting for Others” achégase a Ames coa Oficina de Voluntariado e a ONG Cooperación Internacional

Multimedia

  • A iniciativa solidaria “Painting for Others” achégase a Ames coa Oficina de Voluntariado e a ONG Cooperación Internacional