Solapas principales

Inscríbete e participa na primeira saída “As voltas cos cogomelos”

Miércoles, 02 de octubre de 2024

A Aula da Natureza está a desenvolver as diferentes actividades que compoñen a súa programación de outono. Deste xeito, para os meses de outubro e novembro ten previsto impartir a actividade “As voltas cos cogomelos”, que consta de tres saídas para recoller cogomelos que se realizarán os días 6 de outubro e 3 e 23 de novembro. O obxectivo destas saídas é mellorar o coñecemento da veciñanza sobre estes prezados fungos. Trátase dunha actividade aberta a todos os públicos. O prazo para inscribirse nesta primeira saída estará aberto ata o venres 4 de outubro, ás 14.00 horas. Para inscribirse nesta actividade hai que enviar a ficha de inscrición ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal. A programación ao completo pode consultarse premendo nesta ligazón.

“As voltas cos cogomelos” é o nome da actividade proposta pola Aula da Natureza para facer tres saídas para recoller cogomelos. Deste xeito, realizarase unha saída guiada no mes de outubro e outras dúas no mes de novembro, a través das cales as persoas participantes poderán identificar e recoller cogomelos polas fragas, piñeirais, prados e carballeiras de distintas parroquias de Ames e de fóra do concello. Trátase dunha actividade aberta a todos os públicos na que se trata de impartir diversas nocións co obxectivo de coñecer mellor estes apreciados fungos.

A primeira saída realizarase o domingo 6 de outubro e desenvolverase en horario de 10:00 a 14:00 horas, na parroquia de Lens. O prazo para inscribirse nesta actividade pecha o venres 4 de outubro, ás 14.00 horas. A segunda saída está prevista para o domingo 3 de novembro, en horario de 11:00 a 18:00 horas. O lugar da saída determinarase segundo as condicións meteorolóxicas. O prazo de inscrición para esta segunda saída estará aberto ata o 1 de novembro.

A terceira saída será o sábado 23 de novembro, de 10:00 a 14:00 horas. Neste caso, o lugar da saída situarase nos arredores da feira Tanto monte, monte tanto”. O prazo de inscrición para esta derradeira saída estará aberto ata o 22 de novembro. Para as tres saídas haberá servizo de autobús dende a Casa da Cultura do Milladoiro e dende o Pazo da Peregrina, en Bertamiráns.

A programación de outono da Aula da Natureza continuará ao longo dos meses de outubro e novembro con outras actividades como as xornadas “Arredor dos castiñeiros”, obradoiros para o aproveitamento sostible dos alimentos, a cuarta edición da feira do monte “Tanto monte, monte tanto”, obradoiros de preparación do Nadal, ou unha ruta teatralizada polas fragas do Tambre. A programación ao completo pode consultarse premendo nesta ligazón.

Inscríbete e participa na primeira saída “As voltas cos cogomelos”

Multimedia

  • Inscríbete e participa na primeira saída “As voltas cos cogomelos”