- Tematica
A concellaría de Deportes do Concello de Ames pon en marcha unha Xornada de inchables acuáticos e deportivos para os nenos de entre 5 e 15 anos. A xornada terá lugar o venres 30 de xullo na área deportiva do Milladoiro. O número de prazas é limitado e pódese facer a reserva na seguinte ligazón https://ames.i2a.es/CronosWebGal/Login.
A diversión, as risas e o deporte están asegurados nesta xornada de inchables acuáticos e deportivos. A concellaría de Deportes do Concello de Ames remata o mes de xullo con esta actividade para facer as delicias da rapazada amesá. Serán tres horas de diversión en que os cativos e as cativas de entre 5 e 15 anos terán unha tarde pasada por auga.
A concelleira de Deportes, Susana Señorís, destaca que “o que pretendemos é dinamizar o verán para a rapazada amesá, cunha actividade que seguro vai facer pasar unha tarde divertida e diferente para todos os participantes. Convidamos a toda a rapazada a que se inscriba e participe nesta xornada”.
Tobogáns, piscinas, dianas xigantes e moitos outros xogos vanse instalar na área deportiva do Milladoiro o venres 30 de xullo. Gozar desta xornada é moi sinxelo, hai que inscribirse a través da plataforma Cronos premendo na seguinte ligazón https://ames.i2a.es/CronosWebGal/Login e dentro do apartado eventos sinalar a data indicada.
Unha vez inscritos só queda facerse cun traxe de baño, unha toalla e unhas chanquetas para gozar desta xornada na que a auga será a gran protagonista.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Unha xornada de inchables e auga chega ó Milladoiro"