A Concellaría de Mocidade ten programada para o martes, 27 de xullo, unha nova actividade do programa Trouleando, que está dirixida a mozos/as de Ames que teñan a partir de 12 anos. Neste caso, organizouse unha xornada de barranquismo en Santa Baia, Outes. O prazo para inscribirse nesta actividade estará aberto do 14 ata o 20 de xullo. Para inscribirse hai que enviar a ficha cuberta ao enderezo omix@concellodeames.gal. As prazas, que son limitadas, cubriranse por orde de chegada das inscricións. Esta actividade é de balde e está organizada pola Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX).
Para este mes de xullo, o programa Trouleando propón unha actividade que conxuga diversión, deporte e aventura, para gozar dunha xornada diferente e saír da rutina semanal.
O descenso de cañóns ou barranquismo consiste en descender a pé polo cauce alto dun río. Para isto deberase ir superando diferentes obstáculos escalando, rapelando, saltando pozas, baixando por tobogáns naturais, nadando ou camiñando. Todo isto conleva a posta en xogo de habilidades, fortes emocións e superación, etc rodeados da beleza da paisaxe da zona, a frondosidade do bosque da ribeira do río e as súas pozas naturais. Pasaremos unhas horas de diversión asegurada.
Os mozos e mozas que participen sairán en autobús dende a Casa da Cultura de Milladoiro ás 9.30 horas, e do Pazo da Peregrina de Bertamiráns ás 9.45 horas. O regreso efectuarase nas mesmas paradas, chegando a Bertamiráns arredor das 15.15 horas e a Milladoiro ás 15.30 horas aproximadamente. Os participantes menores deben ser recollidos na parada polos pais/nais/titores-as ou representantes legais.
Para esta actividade o/as participantes contarán con todo o material de seguridade necesario (cordas, mosquetóns, arneses, descendedores, traxe de neopreno, casco,...). Cada asistinte deberá levar o seu bañador, toalla, máscaras, zapatillas de deporte ou botas de montaña que agarren ben o pe e se poidan mollar, e roupa e calzado de reposto para despois da actividade.
Será preciso contar cun mínimo de 15 mozos/as para desenvolvela actividade, en caso contrario, o Concello de Ames, poderá anular a actividade.
Calquera dúbida contacta coa OMIX no teléfono 616083229 ou o correo electrónico
omix@concellodeames.ga l.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "O programa Trouleando achega o barranquismo aos rapaces amienses"