- Tematica
A primeira Liga Galaica de 3 horas de Resistencia BTT dará comezo o 26 de xaneiro en Noia, continuará o 2 de febreiro en Ames e rematará o 16 de febreiro en Camariñas. A liga está organizada polos clubs ciclistas Os Esfola Arrós (Ames), O Toxo (Noia) e Baikers do Vilán (Camariñas), en colaboración cos Concellos de Ames, Camariñas e Noia. A inscrición pode formalizarse premendo neste enlace. O prazo de inscrición para a primeira proba de Noia remata este mércores, 22 de xaneiro, ás 23.59 horas. A inscrición para a proba que se desenvolverá en Ames estará dispoñible a partir de mañá 21 de xaneiro.
A nova Liga Galaica de 3 horas de Resistencia BTT está formada por tres probas, que se rexeran por un mesmo regulamento, e que teñen dispoñibles 400 prazas. As inscricións teñen un prezo de 15 € por participante individual, 24 € para as persoas que participen en parella e 30 € para as que o fagan en tríos.
A primeira das probas da Liga comezará en Noia, co Circuíto Ría de Noia, que terá lugar o domingo, 26 de xaneiro, de 10.00 a 13.00 horas. O percorrido, ten aproximadamente 5,5 quilómetros, cun desnivel positivo acumulado por volta de 100 metros.
O Circuíto OEA desenvolverase o 2 de febreiro en Bertamiráns
O domingo 2 de febreiro desenvolverase a segunda proba da Liga en Bertamiráns, co Circuíto OEA. Será un circuíto de aproximadamente 6 quilómetros cuxo epicentro se situará no paseo do Rego de Ameneiral. A inscrición para esta segunda proba da Liga estará dispoñible a partir deste martes, 21 de xaneiro, ata o próximo mércores 28 de xaneiro.
José Antonio Losada, do Club Ciclista Os Esfola Arrós, foi o encargado de dar a coñecer o Circuíto OEA no acto de presentación da Liga que se levou a cabo fai uns días no salón de plenos do Concello de Noia. Explicou que “o ano pasado fixemos unha proba e á xente gustoulle moito porque ao facelo na vila a xente pode implicarse máis”.
A isto houbo que engadir unha felicitación de Susana Señorís, concelleira de Deportes de Ames, aos tres clubs ciclistas pola organización desta Liga, lembrando que “o ano pasado en Ames cos Esfola Arrós xa levamos a cabo unha proba con 250 participantes. Esperamos que a nova convocatoria teña tanto ou máis éxito e que sexa a primeira de moitas edicións”.
A terceira proba desenvolverase en Camariñas
O circuíto de Camariña será o encargado de finalizar a Liga, que terá lugar o domingo 16 de febreiro ao longo dunha senda peonil dende a vila de Camariñas ata o faro de Cabo Vilán. Haberá premios para os mellores clasificados/as nas tres probas das que consta a Liga Galaica de 3 horas de Resistencia BTT. A inscrición para esta última proba abrirase o próximo luns 3 ou o martes 4 de febreiro.
Regulamento e premios
O regulamento será igual para as tres carreiras e haberá premios para os mellores clasificados/as de cada unha das probas, así como premios especiais para os/as gañadores/as da Liga.
Así, haberá premios individuais para os tres primeiros clasificados, masculinos e femininos, nas categorías: xeral, xuvenil (2004-2001), sénior (2000-1991), veteranos A (1990-1981), veteranos B (1980-1971) e veteranos C (1970-1951); así como premios aos tres primeiros nas categorías de relevos de 2 e de 3 persoas nas categorías masculina, feminina e mixta.
A Liga conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través de Deporte Galego, da Deputación Provincial da Coruña e de Rótulos Orixinal Imaxe.